gripalización

Hai dous anos vivimos o primeiro gran susto de saúde do século XXI. Pillounos algo máis ca unha catarreira mundial, a covid-19, cun forte impacto nas nosas vidas ao que non foi alleo o mundo das palabras. Unha pegada que, xa cunha situación sanitaria moito menos alarmante, segue a xerar novos termos como o que nos ocupa neste Mira que din.

Ao primeiro, pensamos que podiamos eludir a nova doenza. Entendemos que era unha enfermidade de certa entidade, pero que ao mellor quedaba lonxe de nós. Mais non foi así. A globalización évos o que ten, todo chega a todo o mundo, e os virus tamén. Iso provocou que tomaramos consciencia coma nunca do significado do termo pandemia, “epidemia que afecta unha área xeográfica extensa ou todos os individuos da comunidade”, en primeira persoa. Vocábulo creado sobre o demos grego, mais o prefixo pan- (‘todo’), designa a expansión masiva dunha enfermidade entre os seres humanos, máis alá dos límites nos que se desenvolve unha epidemia.

Logo veu o confinamento, o ‘illamento dunha poboación por razóns sanitarias’ e, por fin, a vacinación, ‘acción de inocular unha vacina á poboación afectada’. Pois ben, grazas ás vacinas, alí a onde chegaron, logrouse que a última vaga da covid-19, malia ser moi contaxiosa, tivese unha sintomatoloxía menos severa e aliviou a presión nos hospitais. Este feito provocou que se comezase a empregar un concepto novo, gripalización, que sería o proceso polo que a doenza, aínda sendo unha enfermidade grave, se converte nun fenómeno controlado e asumido socialmente, o que permitiría retomar, con certa normalidade, as actividades anteriores á aparición da enfermidade provocada polo coronavirus SARS-CoV-2.

A formación deste neoloxismo (termo novo) é semellante á que atopamos en termos como lexicalización, neutralización ou verbalización. A partir do adxectivo gripal, base de formación, crearíase o verbo (gripalizar) grazas ao sufixo –izar, partícula derivativa habitual na nosa lingua que permite formar verbos que indican o resultado do adxectivo sobre o que se forma; e logo xorde o substantivo derivado do verbo que expresa a acción e o efecto deste. Neste caso indicaría que a covid-19 se transformaría nunha enfermidade similar a un proceso gripal. A gripalización acabaría sendo o paso previo para considerar a covid-19 como doenza endémica, é dicir, unha “enfermidade que existe ou que se dá de maneira habitual e constante nun lugar ou territorio determinado e que afecta tamén un número constante de individuos”, é dicir, aquela que se dá de forma case permanente nunha poboación. Este termo fórmase co substantivo grego demos, que significa ‘pobo’, e mais o prefixo en- , que significa ‘dentro’.

Mais non nos convén poñer o carro diante dos bois, que non é a primeira vez que este virus nos dá unha labazada para baixarnos o entusiasmo!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir