gurú

Recreación da estancia do gurú Gobind Singh (1666- 1708)

Nas últimas décadas, asistimos a unha popularización desta palabra, que se foi espallando ao tempo que diversificaba os seus ámbitos de aplicación; deste xeito, na actualidade, calquera persoa con certo predicamento no eido que sexa é cualificado como un gurú.

O termo procede do sánscrito, igual ca ioga, karma, ou nirvana –xa incorporadas no Dicionario– e, coma elas, estaba adscrito nun principio ao ámbito da espiritualidade oriental. Como consecuencia da atracción que provoca en occidente todo aquilo que estea relacionado con esa cultura,  difundíronse e pasaron a formar parte do vocabulario común, de maneira que nos dicionarios actuais de linguas próximas tamén gurú se engadiu como entrada

Nun principio, definiuse como ‘mestre ou preceptor’ en distintas escolas filosóficas hindús, ata o punto de que nalgunhas delas chega a ser considerado a manifestación ou prolongación do mestre divino. Partindo deste significado, nos últimos cincuenta anos, comezou a dárselle o sentido de ‘persoa a quen se lle recoñece certa autoridade nunha materia’.

Remontándonos ás orixes, resulta curioso que a raíz indoeuropea de que parte é a mesma que deu no latín gravis ou no grego baros, ambos os dous co significado de ‘pesado’, que tamén era o sentido primeiro da forma en sánscrito, presente aínda nos idiomas hindús actuais. De xeito semellante a cando dicimos que unha persoa de peso é aquela que polos seus coñecementos ou xuízos merece ser tida en conta, a mesma metáfora aplicaríaselle á voz gurú, e o seu significado acaba sendo o de mestre ou guía.

Outra explicación sobre a orixe da palabra, asegura que vén da combinación da sílaba gu (tomada de guhya), co significado de ‘esencia oculta’ e ru (de ruhya) ‘alma divina’, do que resultaría unha definición de gurú como persoa de gravidade ou peso espiritual, pero todo indica que se trata dunha etimoloxía popular.

No sentido primixenio, un dos grandes gurús da antigüidade sería Buda, pero coa evolución no uso que acabamos de comentar, hoxe en día afástase da relixiosidade e escórase cara a aspectos máis terreais, como cando falamos dun gurú dunha determinada tendencia política, dun gurú das finanzas, da comunicación ou, como non, da moda ou das novas tecnoloxías.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir