A Fundación Rosalía de Castro editou en 2022 O herbario de Rosalía, libro que recolle a colección de plantas que clasificaron as investigadoras María López-Sández, filóloga e académica da RAG, e Mª Isabel Fraga Vila, investigadora e botánica da USC, en 2019. Esta recollida constaba de 150 pregos con cadansúa planta. As autoras coidaron que a recompilación sería a mesma que a propia autora padronesa faría para si seguindo as pistas botánicas achadas na obra literaria desta. O libro conta ademais coas imaxes do fotógrafo Miguel Fraga Vila e nel faise un percorrido moi polo miúdo das flores e plantas que se mencionan na bibliografía rosaliana. O volume referido permítenos ver o propio herbario depositado na Casa Museo Rosalía de Castro.
O termo herbario defínese no Dicionario da Real Academia como a “colección de herbas e plantas secas colocadas entre papeis e ordenadas sistematicamente”. O vocábulo procede do latino herbarium, que significaba ‘obra que recolle plantas para estudos de botánica’; é unha voz derivada sobre herba ‘a vexetación da primavera’ ou ‘herba’, que atopamos na gran parte das linguas románicas: italiano erba, francés herbe, catalán erba, e o portugués erva. A herba é calquera planta de ‘talo tenro da que existen gran cantidade de variedades’. Se ben na obra de Rosalía de Castro se recollen varias especies botánicas co seu propio nome: rosas, lirios, azucenas, a figueira… ocupa un papel destacado a vexetación máis humilde, nomeada baixo as designacións de herbas do campo florido e herbas do camposanto.
Algunhas destas herbas do campo florido ás que se refire Rosalía en Cantares Gallegos (1863) nos versos “Así mo pediron / na beira do río / que corre antre as herbas do campo frorido.” (Cantares gallegos, 1,I) podémolas atopar no Dicionario. Mencionaremos, en primeiro lugar, o patelo, tamén coñecido cos nomes de herba belida ou botón de ouro, e que ten como nome científico ranunculus repens: ten unhas floriñas amarelas e follas semellantes ao trevo, é propio de terreos húmidos e escuros, e florece nos meses de primavera outorgando cor ás ribeiras dos ríos. Outra desas herbiñas floridas podería ser a cardamina, que é unha “planta herbácea da familia das crucíferas da que existen varias especies, anual ou perenne, con flores brancas ou purpúreas e froito en sílicua”, atópase nas brañas e nos prados como nos delata o seu nome científico cardamine pratensis. Tamén destacaría nas campías dando cor na primavera a lingua de boi, que é unha “herba da familia das borraxináceas, co talo piloso, follas simples alternas e flores en cimas de cor azul ou violeta”, nomeada a mesma especie como herba viboreira.
A nosa autora, representante galega do Romanticismo, deixa na súa obra pegadas que se identifican con este movemento literario. Entre elas poderiamos indicar o particular tratamento da natureza. Esa vexetación que xorde nos camposantos (cemiterios) convértese na vida que nace no territorio onde honramos os mortos, unha curiosa contradición. Así atopamos a primeira mención ás herbiñas do camposanto nos coñecidos versos “Adiós , adiós , que me vou, / herbiñas do camposanto / donde meu pai s’enterrou, / herbiñas que biquei tanto, / terriña que vos criou.” (Cantares gallegos, 15). As variedades herbáceas nas que Rosalía debería pensar cando as menciona no poema serían algunhas das que atopamos no herbario das investigadoras da USC. A agulleira definida como a “herba da familia das xeraniáceas, da que existen moitas especies, que dá un froito rematado nun bico longo, como unha agulla, e flores de cor rosada”. Tamén o couselo (umbilicus rupestris) que é unha ‘planta de caules erectos, follas carnosas e flores numerosas de cor branca verdosa ou rosada reunidas nun acio alongado, que medra en paredes, valados e rochas’. A celidonia que parafraseando á autora ‘nacen sobre as humildes tumbas sen lápida’ e seguro que habería algunha buglosa, unha herba de talos de ata un metro e flores de cor azulada.