híbrido

Na lingua común xeneralizouse o uso do adxectivo híbrido para caracterizar o vehículo “que combina sistemas de tracción por enerxías de distinto tipo”. Nos usos concretos, o que máis frecuentemente se caracteriza como híbrido é o vehículo que ten un motor de combustión interna (de gasolina ou gasóleo) e outro que se alimenta dunha batería eléctrica. Con todo, esta non é a única posibilidade, xa que existen tamén vehículos híbridos que conxugan os derivados do petróleo con outro tipo de combustibles ou enerxías, os motores habilitados para aproveitaren fontes heteroxéneas e mais outros medios de transporte, como por exemplo a bicicleta híbrida, que non precisa nin diésel nin gasolina, senón electricidade e “darlle ao pedal”.

O habitual é atopar este adxectivo, híbrido -a, caracterizando un medio de transporte (“un coche híbrido”, “unha bicicleta híbrida”), pero esta voz tamén pode asumir a construción típica dun substantivo masculino: “merquei un híbrido de ocasión”. A nós chega, como tantas outras veces, desde o inglés, que funcionou como lingua de irradiación (hybrid en ‘hybrid vehicle’), exportando a nova acepción a outros idiomas: híbrido en galego,  portugués, catalán e castelán, en francés véhicule hybride e en italiano veicolo ibrido.

Hai que saber que a novidade se sitúa no plano semántico, xa que a palabra xa tiña un uso regular, no ámbito científico, desde moito antes. No noso idioma, está entre as voces que compoñen o léxico das ciencias que se desenvolve contra o final do XIX. Primeiro aplicouse á bioloxía, e a súa orixe etimolóxica hai que buscala no nome latino hybrida -ae, (no clásico, hibrida ou ibrida, pero que acolle o <y> grego por analoxía coa voz helena hybris, ‘soberbia’ ou ‘violencia’), en referencia ao cruzamento de animais de especies distintas –así como tamén, posteriormente, aos fillos de pais con diferente condición social–; algo máis tarde, foi incorporado á terminoloxía botánica. Por volta do século XVI, documéntase no francés hybride, co mesmo significado. O valor semántico esencial de híbrido é o de ‘mestura de procedencias diversas’, polo que non tarda en desenvolver usos noutros ámbitos e disciplinas, incluíndo tamén o gramatical, en referencia á “palabra formada por elementos de orixes variadas”.

Como data de referencia para a historia dos híbridos, tómase o ano 1899, en que foron deseñados e desenvolvidos os primeiros medios de transporte propulsados por combustibles derivados do petróleo e tamén por electricidade; mais non é ata case un século despois, en 1997, cando se produce o primeiro automóbil híbrido en serie, fabricado pola empresa xaponesa Toyota, e que en pouco tempo se comercializou a nivel mundial.

A canda os automóbiles híbridos, ou os que só consomen enerxía eléctrica, xurdiu outro neoloxismo, electrolineira –ao que xa nos referimos neste mira-que-din–, unha palabra que se espallou a través dos medios para nomear os puntos de recarga de ‘vehículos enchufables’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir