Tirar a pedra e esconder a man é cousa de vilán, deberían lembrar os que se agochan tras o nome doutra persoa para realizaren contratos ou negocios á marxe da legalidade e tamén os que prestan a súa identidade para este tipo de argalladas de máis ca escasa honradez. Son os homes de palla, os que aparecen como titulares e poñen a cara polo home de atrás, que é quen en realidade controla e recibe os maiores beneficios do asunto.
O máis probable é que a orixe desta expresión, idéntica en catalán, haxa que buscala no francés (homme de paille) e que a súa motivación metafórica poida entenderse polo valor que antigamente tiña a palla, moito menor ca o do feo: mentres que a herba seca servía como forraxe para alimentar o gando, a palla non valía máis que para facerlle a cama. Daquela, un home de palla era en orixe un home con pouco peso social, ou máis especificamente con poucos cartos, un ninguén. Desde aí o seu significado estendeuse e na actualidade pode escoitarse tamén, para alén do que xa comentamos, para referirse a un home con pouca vontade, de pouca enteireza. Indo á cuestión do xénero, non queremos ferir susceptibilidades mais o certo é que a inmensa maioría dos usos rexistrados para esta expresión teñen como referente un varón, e que cadaquén saque conclusións. En calquera caso, cando falamos dunha muller parece que a lóxica recomenda que se denomine muller de palla.
Do italiano testa di ferro adáptase unha expresión con sentido equivalente ao noso home de palla, que se emprega noutros idiomas, por exemplo en portugués (testa-de-ferro) ou no castelán (testaferro). Neste caso, o sentido actual é xustamente o contrario do que tiña na lingua de orixe: precisamente testa di ferro é o sobrenome que se lle puxo ao fillo de Carlos III, Manuel Filiberto de Savoia, quen pasou á historia polo seu forte carácter e determinación férrea, ou sexa, por ser un auténtico testalán.