homofobia

Hai 25 anos, a Organización Mundial da Saúde (OMS) consideraba oficialmente a homosexualidade como unha enfermidade mental e non foi ata o comezo dos noventa do século pasado que a atracción sexual polas persoas do mesmo sexo se eliminou da listaxe de patoloxías. Hoxe en día, moitas sociedades seguen considerándoa unha especie de aberración –é ilegal en 76 estados e condenada con multas, cadea perpetua ou mesmo coa pena de morte nalgún deles–.
 

Baixo os comportamentos ou directrices que vulneran as persoas en razón da súa opción sexual, existe un intolerante prexuízo que, en 1971, o psicólogo norteamericano George Weinberg bautizou como homophobia, a partir do termo grego phobia –procedente, á súa vez, de phóbos ‘pánico’–, e mais homo-, a forma reducida de homosexual, que se crea sobre o grego homós  ‘igual’. Desde a publicación da obra de Weinberg Society and the healthy homosexual, o termo homofobia fíxose popular na literatura científica e pasou logo á prensa e ao discurso político, adaptándose nas diferentes linguas. A partir del, xorde como derivado o adxectivo homófoboa, para cualificar o “que manifesta ou implica homofobia”.
 

Desde o sentido etimolóxico da fobia como temor ou medo patolóxico, o termo homofobia acolle valores específicos para expresar os sentimentos de rexeitamento, odio ou desprezo, o mesmo que se observa noutros compostos simétricos, como xenofobia.
 

Desde 2005, diversas asociacións válense da data na que a OMS retirou a homosexualidade da listaxe de patoloxías, 17 de maio de 1990, para denunciar a discriminación que sofre o colectivo de homes e mulleres homosexuais, bisexuais e transexuais e reivindicar a igualdade social.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir