humorismo

 

Daniel A. Rodríguez Castelao é o autor das mil calidades. É pintor, escritor, político e humorista. Mais tamén un gran comunicador, en toda a súa obra, en calquera das súas vertentes, atópase unha mensaxe que busca espertar as conciencias e denunciar as inxustizas que o rodean. Segundo o propio Castelao, un humorista é un “bo observador e un bo psicólogo”, non se pode negar que o éxito da súa faceta humorística é produto da observación minuciosa da realidade que o circundan e de como é quen de retratar a sociedade galega, sobre todo, aquela afectada polas desigualdades. Os seus debuxos, publicados en diversos xornais galegos: Galicia moza, El Barbero Municipal, La Voz de Galicia, El Noroeste, A Nosa Terra, El Sol, Galicia, Faro de Vigo…, convertéronse en pequenos anacos da nosa conciencia. Non emprega o humorismo coa pretensión de entreter, senón coma un vehículo para cuestionar as estruturas sociais e provocar unha reflexión crítica no espectador. A mirada que ofrece Castelao desafía a ideoloxía dominante nesa altura e convida a cuestionar a realidade imposta para podela transformar.

A voz humorismo defínese como o “estilo propio do humorista”; onde o termo humorista é o nome co que se designa a “persoa que trata de forma humorística os distintos aspectos da vida, ben sexa de maneira escrita, falada, ou mediante debuxos, pinturas etc.”; trátase dunha voz derivada por sufixación ao engadir o sufixo –ista, creador de nomes para designar a persoa con determinada ocupación, profesión ou oficio, ao substantivo humor, na acepción “maneira de presentar a realidade deformándoa con trazos cómicos”, este vocábulo procede da voz latina humor, -ōris ‘líquido’, ‘humor do corpo humano’.

O Dicionario rexistra unha serie de frases que nos indican como se emprega o humor: se se bota man de circunstancias crueis ou macabras estamos ante o humor negro e enfronte teríase aquel que ‘non ten connotacións negativas’, o humor branco. No caso de Daniel R. Castelao cobrou un valor particular o seu humor gráfico, a través da caricatura, o “retrato ou descrición dunha persoa ou cousa no que se esaxeran ou deforman certos trazos”, fixo unha exposición mordaz das desigualdades que padecía a Galicia de inicios dos século XX. Este tipo de debuxos aparecían maioritariamente na prensa e pasaron a ser coñecidos tamén como viñetas. Os humoristas que non fan humor gráfico son aqueles que se dedican a contar chistes (ditos ou pequenas historias con graza, contadas para causar riso). O vocábulo chiste lévanos ao verbo chistar, “provocar atracción, agrado ou afecto”, que é unha voz de orixe onomatopeica. O Dicionario ofrécenos unha serie de palabras que gardan certa relación co termo presentado, como brincadeira, broma, churruscada, conto. Sexa como for para entender os chistes, as caricaturas ou as viñetas convén ter sempre sentido do humor, a “capacidade para comprender e aceptar o humor ou as bromas dos demais, ou para obrar con humor” e arredarnos do mal humor.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir