É probable que este termo nos resulte descoñecido, pero figura, segundo estudos recentes, entre as causas de morte máis importantes en países desenvolvidos. E non se trata de algo que se descubrise hai pouco, senón que se coñece desde a antigüidade, pero o termo técnico non se popularizou en absoluto. Poderiamos presentalo dicindo que é un mal que se causa procurando facer ben e definilo como aquel problema ou complicación que deriva dun tratamento ou dunha intervención.
Comezando pola súa orixe, a forma iatroxenia fórmase por combinación de dous elementos tomados do grego: iatros, que ten o significado de ‘médico’ e que podemos recoñecer noutras voces deste eido, como xeriatra, pediatra ou psiquiatra, mais genos, que indica procedencia e parte da mesma raíz ca xénese. Precisando a información que obtemos do étimo, estamos diante dun problema causado pola práctica médica, aínda que non necesariamente polo médico, e que se pode deber a un erro, pero non sempre, xa que tamén pode ser o efecto secundario dun procedemento levado a cabo de maneira correcta.
A práctica médica está presidida desde antigo polo principio de primum non nocere, atribuído a Hipócrates, que vén sendo “a primeira cousa é non facer mal”, pero é sabido que non sempre se cumpre. As causas poden radicar no profesional da medicina, comezando por un mal diagnóstico, afrontar unha intervención para a que se carece de experiencia, non valorar os efectos dunha actuación ou non ter en conta a información que proporciona o propio doente sobre o seu estado.
Pero a iatroxenia tamén se pode deber a que o paciente sufra as consecuencias derivadas dun medicamento ou dun internamento, como as temidas infeccións que se contraen nos hospitais. Neste sentido, as melloras na asepsia e nas técnicas cirúrxicas contribuíron a reducir enormemente as mortes que anos atrás causaba a práctica médica, pero, con todo, continúan tendo unha incidencia considerable.
Pódese considerar que cando falla o principio de primum non nocere, foi peor o remedio ca a enfermidade, literalmente. E cabe supoñer que de casos reiterados de iatroxenia proceda a denominación popular dos médicos como matasáns.