idadismo

Hai persoas que ven os maiores coma xente desfasada, que non se manexan coa tecnoloxía porque son vellos. Outra xente afirma que a mocidade non vale máis que para andar de festa, que non se interesa por nada? Tanto uns coma os outros cando realizan estes comentarios pecan do mesmo: o idadismo, ou sexa, a “discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores”. Este vocábulo incorporouse ao noso Dicionario na última actualización levada a cabo en decembro de 2022. O Seminario de Lexicografía da RAG coas incorporacións neolóxicas sinaladas toma conciencia dos estereotipos e das súas consecuencias que padece a sociedade galega actual, moi avellentada por unha banda, pero que está obrigada a finxir que os anos non pasan por ela para ir cos tempos.

O termo acuñouno en 1969 o xerontólogo norteamericano Robert Butler para caracterizar a discriminación das persoas máis vellas polas máis novas, significativamente no contexto dunha sociedade gobernada polo imperativo da produtividade e o consumo. O conxunto de prexuízos e estereotipos que subxacen a este comportamento, así como a actitude derivada, é o que Butler denominou ageism (age ‘idade’ + –ism), que se forma por paralelismo con outros nomes de manifestacións discriminatorias como sexism (sexismo), racism (racismo) ou classism (clasismo). A palabra foi ampliando o seu significado para comprender calquera segmento de idade e adaptouse ás diferentes linguas seguindo o mesmo procedemento morfolóxico: âgéisme en francés, edatisme en catalán, edadismo para o español e idadismo en portugués, onde tamén se emprega a variante etarismo, menos transparente xa que está construída como cultismo sobre o étimo latino aetas ‘idade’.

Na nosa lingua a denominación fórmase  por derivación sobre idade  engadindo o sufixo –ismo, moi produtivo para a creación de substantivos que nomean correntes de pensamento (nacionalismo, socialismo), artísticas ou estéticas (vangardismo, neotrobadorismo) etc. Estes nomes adoitan ter emparellado un adxectivo en –ista que serve para caracterizar persoas ou cousas: idadista é o ‘que defende ou practica o idadismo’ ou ‘relativo ao idadismo’. Resulta un concepto idadista cando cremos que  o emprego da palabra “vello” podería ser un insulto ou unha forma politicamente incorrecta, e substituímola por expresións equivalentes como ‘de idade avanzada’, ‘da terceira idade’, ‘maior’ ou ‘andado’, que funcionan como eufemismos. Tamén son idadistas algúns ditos tradicionais como o de Xente nova e leña verde, todo fume.

O idadismo transcende o ámbito da relación interpersoal e ten implicacións rexeitables nas políticas sociais, en materia de educación, economía ou sanidade, por exemplo cando se cuestiona a aplicación ou non de terapias ou tratamentos beneficiosos para o paciente por mor exclusivamente da súa moita idade. Considérase a terceira forma de discriminación por detrás do racismo e o sexismo. Considérase o idadismo como a terceira forma de discriminación por detrás do racismo e o sexismo. O colectivo das persoas maiores é o que máis sofre este tipo de discriminación. Non debe confundirse coa xerontofobia (o medo ás persoas maiores) nin coa efebofobia (contra a xente nova), que denominan patoloxías fóbicas, isto é, temores morbosos e obsesivos con motivacións persoais, por vivencias traumáticas individuais.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir