idiopático

Vai a médica e dinos: “O seu é un caso de hipertensión idiopática”, e inmediatamente a nosa presión arterial aumenta, e non polo medo á bata branca, senón polo pavor ao descoñecido.

Moitos termos inicialmente exclusivos da profesión médica fóronse popularizando e hoxe empregámolos con certa frecuencia, sobre todo cando, coma os médicos, queremos ser precisos, pero outros déixannos entre abraiados e confundidos e, o que é peor, sen saber que temos. Hoxe en día, os profesionais optan, en xeral, por unha linguaxe máis técnica e un dos termos que usan con frecuencia é idiopático.

É un adxectivo formado sobre idiopatía, que provén dos elementos gregos idios (‘propio, especial’), o mesmo que podemos identificar en formas como idiomático ou idiosincrasia, e pathos (‘enfermidade’), así que por simple adición dos mesmos xa temos unha aproximación ‘enfermidade propia ou especial’.

Ocorre que en ocasións as causas dunha doenza son pouco ou nada coñecidas e aí é onde se bota man deste termo. Polo tanto, unha afección idiopática será aquela non derivada doutra (en caso contrario sería sintomática), que aparece espontaneamente, e para a cal a medicina aínda non puido establecer a orixe, ben porque esta se descoñece ou ben porque se ignora en determinados pacientes.

Para a nosa tranquilidade, a cantidade de casos considerados idiopáticos redúcese en proporción directa aos avances da ciencia médica.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir