ido

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:
o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O ido.

O ido foi concibido para superar aqueles problemas do esperanto que o convertían nun código difícil de aprender, o que supuña un obstáculo importante para unha lingua construída co obxectivo de servir de sistema común para a intercomprensión entre calquera falante. Por esta razón, o lingüista, filósofo, matemático e lóxico francés Louis Couturat presentou perante a Delegación para a Adopción dunha Lingua Internacional, en 1907, o novo idioma como unha reformulación do esperanto. Segundo algunhas fontes, o nome  ido viría da terminación –ido, que na palabra esperantido tería o significado de ‘descendente de’, mais outras aseguran que as tres letras son as iniciais de idiomo di omni (o idioma de todos).

As palabras que compoñen o léxico do ido recollen as súas raíces de linguas do ámbito europeo que ortograficamente se representan cos caracteres do alfabeto latino, de xeito que cada palabra ten unha pronuncia inequívoca e, neste sentido, é unha escritura fonética, o mesmo que a que practicamos nós, malia non existir unha correspondencia biunívoca entre son e grafía, algo que si acontecía no esperanto. Porén, en contraste co noso idioma, a gramática do ido non esixe a concordancia entre palabras con distinta categoría gramatical dentro da oración, de tal forma que non han de concertar o suxeito co predicado nin tampouco os adxectivos cos substantivos aos que modifican. Outra curiosidade do ido respecto da nosa lingua é que non parte de considerar o masculino como o xénero non marcado –ao que logo se lle engaden sufixos para formar o feminino– senón que moitas das súas palabras raíz son de xénero neutro e que logo se declinan como masculino ou feminino.

En 1914 despois do falecento de Couturat nun accidente de tráfico, o proxecto do ido estivo a piques de esmorecer definitivamente, o mesmo que lles pasaría a outros idiomas construídos que tiveron unha vida tan longa coma a do seu creador. O ambiente bélico daquelas datas, -Primeira Guerra mundial-  non axudou, xa que era o síntoma do triunfo do conflito entre os pobos por riba da vontade de cooperación e entendemento internacional. Desde aquela, o ido pasou por diferentes períodos e sufriu varias revisións, pero con todo, hoxe en día mantén unha comunidade de falantes representados en trinta países, segundo os datos que cita Progreso, a ventá oficial da organización mundial idista desde 1908.

Podedes facer un achegamento ao funcionamento do ido nesta adaptación duns versos do primeiro libro da Eneida, poema épico escrito por Publio Virxilio Marón, coñecido simplemente por Virxilio, poeta itálico do século I a.C., natural da Lombardía –Lumbardia en lombardo–.

Me kantas l’armi e l’unesma viro qua del bordo Troian

Venis ad Italia, fugante, an la litoro di Lavinium,

Impere dal Fato. Ilu longe shancelis sur tero e maro,

Sub forco deala, pro iraco senbrida da Iuno kruela;

Ilu multe sufris anke milite, esforcante fondar la urbo

E duktar sua dei aden Latium, quo genitis la raso Latin,

L’ancestri di Alba e la muregi di Roma augusta.

Cántolles ás armas e ao home que do bordo de Troia

arribou prófugo a Italia na beira de Lavinio,

fuxindo do fado, sacudido en mar e en terra

pola violencia dos deuses e a ira da cruel Xuno;

El, que moito sufriu nas guerras até fundar a cidade

e traer os seus deuses ao Lacio, onde o pobo latino,

ancestrais de Alba e da augusta Roma, muralla.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir