O mundo cambia a velocidade de vertixe e acabaremos por ver androides soñando con pericas eléctricas e atacarmos naves en chamas máis alá de Orión. Xa lle chamamos era dixital e respecto aos teléfonos, computadores, televisións etc., o menos intelixente parece ser a persoa que os usa. As casas ou os espazos de traballo tamén son ‘smart’ e podemos programar a hora de conectar a calefacción ou que as luces acendan cando entramos por medio de detectores de movemento. Todo ten a súa interface e iso tamén esixe, por responsabilidade e seguranza, autenticar a identidade do usuario ou usuaria, normalmente con identificadores e contrasinais. Mais estes métodos de recoñecemento tamén están a cambiar e os móbiles máis recentes veñen xa con sensores que rexistran as impresións dixitais, que segundo define o Dicionario da Academia son as “marcas deixadas pola presión da xema dos dedos, que presentan unhas liñas distintas en cada persoa”.
O termo impresións vén do latín impressio, -onis, derivado do verbo imprimere, ’facer presión en algo’, formado polo prefixo im + premere. Deste verbo premere procede o noso premer. Cando prememos sobre unha superficie, a graxa da pel e os sucos das xemas dos dedos -diferentes en cada persoa- deixan unhas marcas sobre dela. O adxectivo dixital que complementa esta frase nominal, formado sobre o substantivo díxito, ten a súa etimoloxía no latín digitus, ‘dedo’, polo tanto as impresións dixitais son as marcas impresas dos nosos dedos. Estes sinais de recoñecemento facíanse, non hai tanto, premendo cos dedos nunha superficie con tinta, para rexistralos nos documentos.
Para alén deste, o adxectivo dixital tamén ten outro significado referido, no ámbito da informática, á “codificación dos datos con números que se expresan co sistema binario”. Podemos dicir daquela, xa por brincar, que cando poñemos os dedos sobre un deses sensores, identifícanse dixitalmente as nosas impresións dixitais.
Por outra banda, é común o uso de pegada, ou pegada dixital, en contextos onde tamén podería empregarse o máis específico impresión dixital, coma neste exemplo: “As probas son que te colleron preto do coche e que a pistola tamén tiña as túas pegadas.” (Ballesteros Rey, Xosé A: Talego, Ed. Xerais, 1993). En xeral, para referírmonos aos sinais, rastros ou pistas que deixamos como testemuño despois dun acontecemento ou acción, o termo que empregamos é pegada, ou pegada dixital se o rastro deixado é dos dedos, e utilizamos impresións dixitais para falarmos, máis concretamente, dos sucos que quedan marcados ao premermos cos dedos unha superficie. Por iso, para chamarlle ao aparello que nos permite autenticarnos nos novos móbiles, falamos dun sensor ou lector de impresións dixitais.