independencia

A ansia de non estar suxeitos a un dominio que non sexa o propio é o que, en principio, desencadea calquera proceso de independencia. Isto lévanos á orixe latina do substantivo, formado, probablemente por influencia do francés indépendance, sobre a base de dependere, unha forma medieval derivada de pendere, que entre outros tiña o significado no latín clásico de ‘estar suspenso’, isto é, estar unido a algo pola parte superior,  como en pendurar e pender. O prefixo de– non muda notablemente o significado da base verbal, actuando como reforzo léxico cun valor xeral de ‘movemento de arriba cara abaixo’, como en decorrer ou descender, pero si serve para facer fincapé no concepto de que o que depende de algo está suxeito nunha relación desigual, de subordinación entre o que se sitúa máis alto e o que colga por abaixo. Engadindo a terminación –cia  créase o substantivo  para denominar o “carácter ou situación do que é dependente” dunha maneira que tende a ser permanente, ou cando menos continua. A forma actual, con ditongo decrecente final, enténdese por ser unha palabra que chega ao idioma relativamente tarde, xa no XVII, polo que non segue a pauta evolutiva das palabras patrimoniais nas que esta terminación se resolve en –za, como presenza, sentenza ou doenza.

 

Para a lingua, romper a cadea das cousas que penden é sinxelo, polo que chegar ao antónimo independencia só require o prefixo in– , de uso común e moita rendibilidade no idioma para indicar ‘negación ou carencia’.

 

A palabra independencia ten contido político cando é referida a un territorio, unha sociedade ou un país, cun sentido que nace a finais do XVIII, a partir da Declaración de Independencia dos Estados Unidos fronte o imperio británico, mais pode empregarse tamén na esfera do individual (cando alguén é autónomo na súa actividade persoal  ou profesional) e mais na linguaxe científica aplicada ao ámbito da matemática, a física ou a bioloxía.

 

Nos procesos de independencia hai determinados momentos e situacións que se repiten, aínda que cada caso sexa distinto: primeiro, a declaración de soberanía e cando existe consenso coa metrópole, o referendo –que curiosamente tiña no latín referendum o valor de ‘o que  debe ser suxeito ou sometido a alguén’, para o caso, á opinión dos cidadáns expresada por votación directa–, e finalmente a proclamación de independencia e o recoñecemento internacional.

 

O caso escocés é o dun proceso desenvolvido por consenso entre Escocia e o Reino Unido, do mesmo xeito que o foron os máis recentes (a separación de Chequia e Eslovaquia ou as independencias  de Montenegro respecto a Serbia e a de Sudán do Sur respecto a Sudán); mais nos casos onde non hai acordo, a disensión non paraliza esa “ansia de non estar suxeitos" e fai evolucionar a postura independentista cara á declaración unilateral de independencia.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir