infodemia

Somos sabedores do bo criterio de todos vós, pero do dos demais? Non sempre son ben intencionados e por iso a Organización Mundial da Saúde (OMS) fíxonos unha advertencia que sexamos prudentes e cautos fronte á infodemia. O que? Non vos preocupedes, o DRAG, que está ao cabo do conto do que ocorre ao seu redor, acaba de incorporar unha serie de palabras que pasaron de ser descoñecidas para a maioría de nós, ou de uso minoritario, a estaren na boca de todas e todos nós. Entre elas está infodemia que se define como a “propagación rápida e abundante de información falsa entre as persoas e os medios informativos”.

Infodemia é un termo neolóxico que nos leva ás distintas canles de comunicación que empregamos na actualidade: os medios de comunicación de masas, as redes sociais e os díxomes de toda a vida. A nós chega froito da adaptación do inglés infodemic, que segundo o dicionario de Oxford é ‘unha proliferación de información diversa, sen fundamento, relacionada cunha crise, controversia ou evento, que se difunde rápida e sen control a través de noticias, en liña e redes sociais, e que contribúe a intensificar a especulación ou ansiedade’. Fórmase polo acurtamento do vocábulo information (información) mais epidemic (epidemia). Refírese, polo tanto, a un andazo de información que pola rápida circulación e a oportunidade de chegar a moi lonxe ten efecto amplificador do bo e tamén do malo, onde o perigo radica na falsidade dalgúns contidos. Á par temos a palabra infoxicación, un acrónimo resultado da frase “intoxicación por información”. A consecuencia da infoxicación vai da ansiedade ao desgusto que provoca o exceso de información nun receptor que non é quen de xestionar e comprender tanta información, tan diversa ou mesmo contraditoria.

A estas alturas sabemos, tamén, que hai noticias falsas, que no mundo anglo-falante denominan fake news. Son aquelas que, baixo o aspecto de xornalismo rigoroso, difunden unha mentira co propósito de influír nas persoas que accedan a esa información. Non é unha novidade, desde a antigüidade o ser humano quixo manipular a opinión pública.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir