interlingua

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O interlingua.

A palabra interlingua créase a partir de dúas formas latinas, inter– e lingua, comúns a todos os romances sen apenas variación. Este nome traslada nitidamente a filosofía que inspirou o proxecto dos lingüistas membros da International Auxiliary Language Association (IALA) quen, baixo a dirección do xermano-estadounidense Alexander Gode, se xuntaron co obxectivo de crear –baseándose nos idiomas comprendidos por un maior número de persoas–, unha lingua auxiliar para a comunicación internacional. Así, ninguén de nós debería ter problemas para entender a oración Interlingua es un lingua auxiliar pro le communication international, pois precisamente o máis atractivo do interlingua é que calquera falante dunha lingua románica (e tamén un anglófono culto) é quen de comprendelo sen necesidade de estudalo previamente.

O vocabulario do interlingua foi tomado das principais linguas romances, do inglés e, en menor medida, do alemán e do ruso, escollendo as formas compartidas procedentes do latín, e a súa gramática está inspirada na inglesa pero moi simplificada. Os creadores optaron por un grupo de linguas de control entre os principais idiomas europeos e desbotaron todas as leis gramaticais que non estivesen presentes nelas. Como consecuencia disto, a gramática do interlingua afástase en certos aspectos da nosa, no entanto, noutros é idéntica: por poñer dous exemplos, no interlingua, o artigo determinado é invariable, porén, distingue entre o singular e o plural para os nomes, o mesmo que facemos nós.

Logo de vinte anos de investigación, en 1951, publicáronse a primeira gramática e mais o primeiro dicionario do interlingua, o Diccionario interlingua-inglés, con 27.000 entradas. Tres anos máis tarde, en 1954, Alexander Gode daba ao prelo un manual introdutorio para a aprendizaxe, Interlingua a prime vista.

Calcúlase que na actualidade o interlingua é o idioma construído con maior difusión e conta con falantes activos en todos os continentes, especialmente no sur de América e na zona norte e leste de Europa. En 1955, fundouse a Union Mundial pro Interlingua (UMI), que expón a súa actividade na páxina web interlingua.com e tamén a través da publicación bimensual Panorama in Interlingua. Ademais disto, cada dous anos, a UMI celebra un Congreso Internacional nun país diferente, aproveitando que o interese polo interlingua trascendeu o ámbito científico onde se instalou nas primeiras décadas para estenderse noutros sectores como o turístico, o comercial ou o da tecnoloxía, así coma no público xeral.

 

Nesta tradución da introdución da Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América (4 de xullo de 1776), pódese comprobar a facilidade de entendemento do Interlingua, para calquera persoa falante dunha lingua románica:

Quando in le Curso del Eventos human, il deveni necessari pro un Populo dissolver le Bandas Politic que les ha connectite con un altere, e assumer inter le Poteres del Terra, le Position separate e equal al qual le Leges del Natura e del Deo de Natura les da titulo, un decente Respecto al Opiniones del Humanitate require que illes declara le causas que les impelle al Separation.

Cando no curso dos acontecementos humanos se tornase necesario para un pobo disolver os lazos políticos que o ligaban a outro e asumir, entre os poderes da Terra, posición separada e igual á que as leis da natureza e as do Deus da natureza lle dan dereito , o respecto digno para coas opinións da humanidade esixe que declaren as causas que os levan á separación.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí