Intertextualidade

A autora homenaxeada nas Letras 2026, Begoña Caamaño, destacou na faceta de narradora pola súa particular reinterpretación de figuras femininas da mitoloxía universal, como Penélope e Morgana, a primeira pertencente á mitoloxía grega e a segunda ao ciclo artúrico. A escritora revisou estas personaxes e outorgoulles un papel afastado do que se lles asignara ao longo da historia. Tratábase de mulleres que permanecían sempre nun segundo plano e, ou ben auxiliaban, no mellor dos casos, o protagonista ou heroe, ou ben representaban o mal e daquela cumpría apartarse delas. Porén, Caamaño decidiu cambiar o punto de vista, asumindo que eran historias sobre homes escritas desde a óptica masculina e pedíndonos que mudásemos o xénero da autoría e que lles concedésemos ás mulleres a voz principal. Esta anovada visión de Penélope, Circe, Morgana ou Viviana é froito da necesidade da escritora de reinterpretar as personaxes femininas que aparecían nas súas lecturas favoritas. Ademais, como feminista convencida, buscou o heroico nas vivencias femininas e reivindicou a loita silenciosa destas mulleres que pasaron á historiografía literaria como eternas secundarias.

Unha constante na obra de Begoña Caamaño, tanto en Circe ou o pracer azul como en Morgana en Esmelle, é a intertextualidade. Resulta evidente a presenza da Odisea de Homero en Circe, do mesmo xeito que as mulleres de Ítaca, agardando por uns homes dos que non se tiña noticia tras a participación na guerra de Troia, recórdannos as viúvas de vivos do texto rosaliano Follas novas. Por outra banda, os espazos que Penélope procura para ler as misivas de Circe lémbrannos a Virxinia Woolf e Un cuarto propio. Morgana conecta directamente con Merlín e familia e Álvaro Cunqueiro, xa que os escenarios son galegos, as terras de Miranda, e Morgana visita o Merlín ancián imaxinado polo autor de Mondoñedo; non obstante, toda a narración remite a diferentes episodios da materia de Bretaña, pero ofrecendo a óptica das mulleres omitida ao longo do tempo.

O banco terminolóxico de Termigal (TERGAL) define a voz intertextualidade como ‘conxunto de relacións que se establecen entre un texto e outros aos que alude de forma implícita ou explícita, con frecuencia do mesmo autor ou da mesma época’. Esta voz foi cuñada por Julia Kristeva a finais dos sesenta do século XX para se referir á ‘relación dun texto con outros da mesma cultura ou doutras contemporáneos ou históricos’; con todo, a orixe do concepto pertence ao filólogo ruso Mikhail Bakhtin. O termo créase a partir do prefixo inter-, elemento de orixe latina que significa “entre”, e o substantivo textualidade, o “conxunto de características que definen un texto”, que, á súa vez, nos leva á voz texto. Neste caso, porén, textualidade emprégase co sentido específico que adquiriu na terminoloxía da teoría da literatura anglosaxoa, textuality. É obvio que calquera texto é froito das lecturas e das vivencias de quen o escribe.

Mais alá do dito ata agora, cando se reproducen literalmente fragmentos dunha obra, isto é, cando se realizan citas ou citacións textuais, cómpre que aqueles se identifiquen indicando a súa autoría. Se non se fai así, incórrese nun plaxio ou “apropiación fraudulenta dunha obra allea, normalmente artística ou literaria”. Esta voz procede do latín tardío plagium, cos significados de ‘roubo de escravos’ e ‘venda de persoas libres como escravos’, que procede do grego plágios ‘oblicuo’, ‘tramposo’,’ enganoso’. O DRAG indica como sinónimo o vocábulo calco.

 

 

 

 

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir