itinerancia

A itinerancia –o termo de nova creación recomendado para substituír o anglicismo roaming– ata 2017 estaba asociada a un custo desorbitado nas facturas dos móbiles no territorio da Unión Europea. O acordo acadado entre o Consello da Unión e as operadoras garantiu a cobertura necesaria para facer e recibir chamadas, e tamén para o uso de datos.

O roaming é innecesario

A palabra roaming xorde no ámbito anglófono, no contexto do estándar europeo de telefonía dixital GSM (siglas de Global System for Mobile communications) e espállase posteriormente noutras linguas, nalgúns casos aceptando directamente o anglicismo. É unha forma derivada do verbo to roam, ‘andar dun lado para o outro, sen un rumbo ou unha dirección fixa’, ou sexa, o que dicimos con deambular ou errar. Asociado a este significado, contamos co adxectivo itinerante, aplicable a persoas, entidades ou actividades, co sentido de “que non ten un asento fixo, senón que vai dun lugar para outro ou se desenvolve indo dun lugar a outro”. A etimoloxía do adxectivo está no participio latino itinerans, itinerantis, do verbo itinerare, que tiña o significado de ‘viaxar’, de onde tamén provén o noso itinerario; iteración e iterativo comparten a mesma base, xa que do concepto de ‘viaxe’ ou ‘desprazamento’ chegouse á idea de repetición.

Nese ámbito semántico encaixa a itinerancia dos dispositivos móbiles, nunha situación que xorde cando os usuarios se desprazan fóra da área de cobertura do seu operador contratado e se conectan utilizando o mesmo identificador da súa rede. Outras linguas próximas acudiron tamén a esta mesma equivalencia para evitaren o anglicismo; é o caso do portugués e tamén o catalán, o castelán e mais o francés (itinérance).

Usuarios 1 – Operadoras 0

A cancelación do custo das itinerancias é unha demanda repetida desde hai tempo polos usuarios e usuarias, polo que o novo regulamento constitúe unha vitoria nun proceso delongado. Con todo, as asociacións de consumidores fan fincapé en que quedan aínda cuestións pendentes, xa que non está claro cales son os límites sobre o uso de datos que prevé a normativa europea cando se refire a unha “utilización razoable dos datos en itinerancia”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir