Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.
As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:
o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.
O Klingon
O klingon ou tlhIngan Hol é un idioma que pertence ao universo de ficción creado para a serie Star Trek. Aínda que nun principio os alieníxenas do Imperio Klingon comezaron expresándose en inglés coma o resto dos personaxes, cando no ano 1973 se pasou ao formato de película decidiuse que os habitantes do espazo entre os cuadrantes Beta e Alfa debían ter unha lingua vernácula. O nome dado tanto á raza coma ao idioma si é terreal, xa que está inspirado nun antigo compañeiro de traballo do creador da serie, de apelido Clingan. A base deste idioma púxoa o actor que interpretaba o personaxe de Scotty, James Doohan, que tiña unha gran facilidade para expresarse con distintos acentos e creou unha fonética presuntamente alieníxena, aínda que baseada na linguaxe natural. Posteriormente, o equipo da película contou coa colaboración do lingüista Marc Okrand, que ampliou o reducido vocabulario inventado por Doohan e artellou incluso unha gramática para esta lingua, polo que parece, baseándose nas linguas amerindias que foran para el obxecto de estudo, pero as comparacións non permitiron establecer un parentesco evidente.
O obxectivo dos creadores da serie era evitar o parecido coas linguas coñecidas, así que procuraron afastarse, utilizando para iso distintos recursos. Por exemplo, para a escritura idearon unhas grafías propias, dise que inspiradas nas tibetanas, onde predominan as formas que recordan as armas brancas, detalle acorde coa idiosincrasia dos klingon e dáse, a diferenza do que ocorre habitualmente nas linguas, unha correspondencia exacta entre cada grafía e o son que representa. O xénero non marca, coma no noso caso, a oposición entre masculino e feminino, senón que indica que un nome se corresponde cunha parte do corpo ou cun utensilio e a orde dos elementos dun enunciado é a inversa da que utilizamos normalmente, xa que o suxeito vai en último lugar. Pero si se pode mencionar unha característica que comparte coas linguas naturais, a variación dialectal, xa que se alude á existencia de case un cento de dialectos.
Entre os trekkies, os que seguen a serie, hai quen se esforza en aprender klingon para o que contan cun organismo, recursos de aprendizaxe, convencións, versións de clásicos de Shakespeare e mesmo se inclúe entre as opcións de idioma de buscadores de Internet. Pero, como non podía ser doutro xeito, o lugar propio do klingon é a ficción, onde se ten utilizado, especialmente, en series americanas de televisión.
De quereres aprender a pronunciar klingon, pasa por aquí.
Para vermos como é este idioma en relación ao noso, podemos revisar un fragmento do famoso soliloquio de Hamlet (A traxedia de Hamlet, principe de Dinamarca, William Shakespeare, c.a. 1600) da escena primeira do acto terceiro. Despois de en galego, vai a tradución a klingon en alfabeto latino e logo en alfabeto do KLI, Klingon Language Institut.
Ser ou non ser, velaí a cuestión:
será máis nobre para o noso espírito sufrir
os golpes e as frechas da insultante Fortuna,
ou coller as armas contra un mar de provocacións
e pórlles fin loitando? Morrer, durmir,
non máis; e dicir que cun sono rematamos
coa angustia, e cos mil naturais conflitos
que son a herdanza da carne que merecemos e
que con fervor desexamos.
‘e’, mu’tlheghvam, ghaH choyu’ta’:
jotlhmeH jInoNrup nobler neH bech yab
slings ‘ej arrows vIlajtaH outrageous.
pagh, Seng bIQ’a’Hey SuvmeH nuHmey SuqDI’,
‘ej rInmoHDI’? Hegh, Qong
Qong ‘ej pong Qong vIjatlh qabna’Daj maH
tIq-‘oy’, ‘ej yay’ SaD natural
flesh cho’nISbogh: jInoNrup net consummation
yIn mevbogh mIwvam’e’ wIruchqangbej.