En canto poñemos un pé neste mundo comezamos unha relación co leite que, na maioría dos casos, se mantén para sempre, por moito que haxa quen, coma Xil da Ribeira, un dos célebres menciñeiros retratados por Cunqueiro, renegue del. Pero ímonos centrar nese primeiro momento en que o leite constitúe o sustento que nos permite aferrarnos á vida, é dicir, o período de lactación.
Este cultismo, procedente da raíz latina lact- é o que se prefire en galego para referirse ao feito de dar de mamar ou ao tempo durante o cal se mantén. Así, fálase do período ou etapa de lactación, da lactación materna ou natural, tamén da lactación artificial, de cuestións relativas ao embarazo e lactación ou do permiso de lactación. Se ben se admite a solución lactancia, aconséllase a utilización da forma lactación.
En ámbitos especializados recórrese mesmo a un derivado de lactación para denominar o período en que se introducen na dieta dos meniños alimentos distintos do leite. Así, os pediatras ou nutricionistas falan da ablactación, forma moi técnica que non está recollida nin documentada en galego, onde lle chamamos a isto a desteta.