laranxa

O 25 de novembro é recoñecido internacionalmente como o Día pola eliminación da violencia –física, psicolóxica ou verbal– contra a muller. É unha data simbólica da loita diaria contra o maltrato, o asasinato ou a discriminación laboral e social das mulleres, e utilízase para concentrar diferentes mobilizacións e actos de reivindicación.
Co amparo da ONU e o Fondo fiduciario para eliminar a violencia contra a muller, no ano 2008 púxose en marcha a campaña ÚNETE, impulsada polo presidente Ban Ki-moon, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, quen chama á participación de persoas, comunidades e colectivos de todo o mundo mediante eventos e accións que teñan a cor laranxa como protagonista, simbolizando por medio dela un futuro non violento coas mulleres e as nenas. O laranxa cumpre a función de identificar e integrar o conxunto dos actos que se levan a cabo en todo o mundo e asemade cada participante o dotará dun significado concreto. Desenvólvese cada ano durante dezaseis días, entre o 25 de novembro, o Día Laranxa, e o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, e no ano 2015 ten como tema a prevención da violencia de xénero.

As denominacións das cores fíxanse normalmente por extensión a partir do nome dalgunha cousa que presenta caracteristicamente a tonalidade nomeada. É o caso do laranxa que, por asociación coa froita, ten unha historia que nos leva moi lonxe no tempo e no espazo. O froito mais o seu nome proveñen de Oriente, en concreto, do sánscrito naranga ‘laranxeira’, o primeiro étimo documentado con fiabilidade, desde onde pasa ao persa narang e despois ao árabe, que distingue entre o nome do froito e o da árbore, así como diferentes especies. Na Idade Media, a laranxeira amarga introdúcese en Europa pola Península Ibérica e adáptase o seu nome no árabe hispánico aos romances peninsulares, dando a naranja do castelán e a naronja catalá, en tanto que o galego-portugués muda a nasal inicial /n/ en lateral /l/, laranxa (laranja).

Para a cultura oriental, o laranxa é unha cor significativa cun simbolismo poderoso. Obtense da mestura do vermello co amarelo polo que conceptualmente se valora como a transición entre a alegría, representada no vermello, e a perfección, no amarelo. Daquela na tradición milenaria oriental o laranxa ten un significado íntimo, de perfeccionamento espiritual, alén de ser a cor distintiva do budismo. No ámbito político e social, representou e deulle nome á Revolución Laranxa ucraína (2004-2005) para logo ser adoptada por múltiples movementos e partidos en Oriente Próximo. Do lado europeo, o laranxa ten quizais un sentido menos transcendente e máis extravertido, asociándose en xeral coa alegría e a vitalidade (se lembramos os protagonistas do Sesame street, Epi, o boneco alaranxado, era o brioso e riseiro, en tanto que o seu colega amarelo, Blas, facía gala dun humor mucho e queixoso); valórase, ademais, que se trata da cor que mellor se percibe durante a noite ou con néboa, polo que é a preferida para certas campañas publicitarias ou tamén para diferentes métodos de sinalización. Con todo, o laranxa tamén ten fondura e relevancia histórica e política neste lado do mundo: trátase, por exemplo, da cor que identifica os unionistas británicos e irlandeses, os monárquicos dos Países Baixos e diferentes partidos democristiáns en varios países occidentais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir