laxe

Petróglifos de Campo Lameiro sobre unha imaxe de Moncho Sabín (1992). Biblioteca da Fundación Barrié

Levar ao prestixioso Festival de Cinema de Cannes non só a nosa lingua senón tamén unha palabra tan de noso como laxe ben merece un Mira que din. O cineasta Oliver Laxe é tendencia porque resultou galardoado co Premio do Xurado na sección Unha certa mirada co filme O que arde. Pero deixemos o Oliver, que é seguramente produto do seu nacemento en Francia, e reivindiquemos o apelido Laxe, presente na toponimia de Galicia, polo menos, en 614 lugares rexistrados na actualidade, e inda son máis numerosos se lle engadimos as variantes laxa, laxeiro (alcume co que asinou un dos nosos máis importantes pintores), laxedo ou laxelas.

Dúas configuracións xeolóxicas principais do noso país adoptaron a palabra laxe de dous xeitos distintos: nas moles graníticas identifican estes grandes espazos como salóns de baile presentes dende a costa de Corme-Laxe ata os espazos máxicos que rodean a Pena Corneira no Carballiño, onde se adoitan chamar laxas “pena de grandes dimensións e de superficie lisa, que aflora nun terreo sen sobresaír del.” segundo define o DRAG. Porén, na zona de lousa serve para identificar tamén esta rocha metamórfica que en láminas finas serve, entre outros usos, para tellar as vivendas ou como pavimento. Estas rochas son tamén as que adoitaban aproveitar os primitivos poboadores do noso país para os petróglifos, como é o caso da Auga da Laxe (Gondomar), Laxe das Rodas (Muros) ou Laxe das Cabras (Palmeira).

Desde o punto de vista etimolóxico a palabra laxe deriva do termo latino medieval lagĕna, amplamente recollido na documentación medieval tanto en Galicia como en Portugal e con reflexo tamén na toponimia portuguesa. De acordo con Corominas a través da lingua dos pilotos náuticos pasou tamén á toponimia da América hispánica, Canarias e Filipinas na súa versión castelá laja, inda que está curiosamente ausente no resto da Península Ibérica, salvo en Cartagena, cidade portuaria.

Este nome de pedra parece que lle acae ben ao cinema contemplativo, profundo e sólido co que o director vai gañando cada vez máis prestixio.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir