língua geral

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

A língua geral.

O nome de língua geral aplícase, principalmente, a dúas variedades do tupí que se utilizaron como vehículo de comunicación en amplas zonas do Brasil: a paulista, na rexión de São Paulo e a amazónica ou tupinambá, máis ao norte do país. A razón da aparición foi semellante en ambos os dous casos: aos europeos chegados para proceder á colonización do territorio a comunicación cos indíxenas resultáballes complicada, coa dificultade engadida de que cada grupo utilizaba unha variedade lingüística diferente. Xa que logo, estas variedades simplificadas xurdidas do tupí serviron para facilitar a comunicación dos europeos cos nativos, pero tamén entre unhas tribos e outras. Ademais de para estes dous casos, a denominación de lingua xeral utilizouse para outras linguas indíxenas que se falaban en áreas extensas.

A língua geral paulista foi levada cara ao interior polos exploradores do territorio no século XVII, xa que en São Paulo era a lingua dominante naquela altura, pero no século seguinte comezou a ser substituída polo portugués e hoxe case non quedan testemuños dela, ademais que tampouco hai xa falantes. Polo que respecta á rexión amazónica, esta colonizouse máis tarde e alí a lingua predominante era o tupinambá, que pasou a ser utilizada tanto polos colonizadores como polos misioneiros. Recibiu inicialmente a denominación de língua brasílica ou língua da terra e desde moi cedo foi obxecto de estudo por parte dos europeos chegados alí que levaron a cabo gramáticas e vocabularios. No século XVII comeza a chamárselle língua geral e no XVIII tupinambá. A variedade desta que continúa sendo utilizada hoxe en día no curso alto do río Negro coñécese como nheengatu ‘lingua boa’.

Non é de estrañar que os europeos tivesen problemas cos idiomas indíxenas, pois a distancia entre linguas é considerable. Por citar algúns exemplos, o nheengatu non utiliza un verbo similar ao noso “ser”, senón que as relacións de carácter permanente entre un substantivo e un adxectivo exprésanse simplemente xustapoñéndoos, pero, curiosamente, si contan cun correlato do verbo “estar”, cando a asociación entre os conceptos non é constante. Por outra banda, teñen, o mesmo ca en galego, máis dunha serie de pronomes, pero a escolla non está determinada pola súa función, senón que vén dada polo tipo de palabra que acompañan. Así mesmo, mentres que nós recoñecemos os enunciados interrogativos fundamentalmente pola entoación, no nheengatu dispoñen de dúas partículas, unha para as interrogacións totais e outra para as parciais.

Desde o ano 2002, o nheengatu ten estatus de lingua cooficial no municipio amazónico de São Gabriel da Cachoeira, o que constituíu o primeiro caso dunha lingua indíxena declarada cooficial no Brasil e abriu o camiño para o baniwa e o tucano, as outras dúas que gozan na actualidade desa consideración. Isto fai que teña presenza no ensino ou documentación oficial e que mellore o seu status e se hai uns anos se tratou de cortar a transmisión xeracional deste idioma, chegando a castigar nos colexios os rapaces que falaban en nheengatu cos seus pais, hoxe pasou a considerarse un elemento de identidade por parte da poboación e valórase que atravesa un proceso de revitalización.

 

O texto que reproducimos abaixo foi escrito en língua geral na metade do s.XVIII, probablemente por un misioneiro xesuíta, e nel un apresador de escravos relata as súas peripecias no Pará brasileiro. (Nota: Os tapuios ou tapuias eran as persoas indíxenas que non falaban tupi).

Coritéi i có ára oçaçáo,
Amò recobé nití opáb,
Quatro nhó tapyýia recé,
Acanhemne auieramanhè!
Xe cüapàra agoéra omanó,
Umámepe ï angoéra oçó?
Äé tapyyíetà oipocoár abé,
Ocëár öanáma çupé.
Xe anáma ambyra cetá
Opocoàr tapyyietà;
Mbäépe cöýr ogoacem?
I angoéra ipò ocanhem.
Opacatú icò ára mbäé,
Mbäé rámape opabenhé?
Ocanhem ramé xe angoéra,
Ocanhem abé xe mbäé coéra.

Logo este mundo pasa,
e a vida no outro non acaba.
Por causa de tan só catro tapuios
hei de me perder para sempre!
Os meus antigos coñecidos morreran.
Para onde foron as súas almas?
Eles apresaran tapuios tamén,
deixáranos para os seus parentes.
Os meus parentes, moitos van defuntos.
Apresaran tapuios.
Que encontran agora?
As súas almas certamente perdéranse.
Todos os bens deste mundo,
para que todos eles?
Se a miña alma se perde,
desaparece tamén o que foi meu.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir