A derradeira persoa que falou galego:
Serás ti? Será alguén a quen coñezas?
O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, Muttersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.
Que é a lingua inicial ou materna?
É aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.
Que está a pasar coa nosa?
Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán. En 2013, hai case trescentas mil persoas menos que aprenden a falar en galego ca dez anos antes, mentres o número de galegos bilingües iniciais aumentaba en case douscentos trinta mil.
En 1992, seis de cada dez persoas de quince ou máis anos aprendían a falar en galego; dúas décadas despois, a relación é de catro persoas de cada dez. (vid. fig. 2)
Este descenso nas persoas que aprenderon a falar galego reflíctese en que unha persoa nacida a partir da década dos setenta ten máis probabilidades de que aprendese a falar en castelán ca en galego: o feito é que a metade dos nados no século XXI aprenderon a falar en castelán e só dous de cada dez aprenderon a falar en galego. (vid. fig.1)
Chegará a desaparecer o galego?
Moitos autores investigaron as causas que inciden en que unha lingua se manteña ou desapareza; concluíuse que os factores que fan que unha lingua permaneza son: o peso demográfico, o status e o apoio institucional que reciba. No caso de que a vitalidade dunha lingua sexa escasa, produciranse unha serie de procesos que acompañarán a lingua ata desaparecer:
– a bilingüización asimétrica: cando a totalidade do grupo social ten que coñecer a lingua prestixiada (A), en tanto que o uso da lingua indíxena (B) só se mantén nun sector
– a perda de ámbitos de uso: como consecuencia do anterior, en calquera contexto no que se produza unha conversa entre un falante de A e outro de B, o diálogo sempre se resolverá na lingua que teñen en común, a prestixiada. A situación agrávase na medida en que os falantes de B vaian desenvolvendo prexuízos cara á súa propia lingua e pasen a usar A entre deles en certos contextos. No caso extremo, a perda de ámbitos de uso transfórmase en perda de falantes
– a ruptura da transmisión interxeracional: cando a valoración negativa de B se interioriza totalmente (é pouco útil, soa mal, é unha lingua de vellos etc.), as nais e os pais falantes de B dan o salto decisivo de criaren os seus fillos en A, que pasa daquela a consolidarse como lingua materna nun par de xeracións (vid. fig. 4)
– a interferencia: en paralelo a estes procesos está o reflexo que ten na propia lingua a situación social descrita, que se traduce en empobrecemento léxico, interferencias, deturpación morfosintáctica, perda da identidade fónica etc.
De non evitarse en tempo, a conclusión destes procesos será o esmorecer definitivo da lingua B. Cómpre ter en conta que as escollas e actitudes dos falantes neste tipo de situacións non responden á vontade individual senón que en gran medida veñen como consecuencia das estratexias adoptadas polos gobernos, polo que para reverter o proceso, alén do posicionamento persoal, é preciso asegurar políticas comprometidas coa lingua en risco. E disto, do que lle esiximos a quen nos goberna somos responsables todos e cada un ou todas e cada unha de nós. É un problema de toda a sociedade en conxunto, é dicir, a responsabilidade é nosa.
Últimos falantes con nomes e apelidos
Hai uns poucos anos, en 2010, desaparecía a lingua aka-bo. Boa Sr, Chaachii que nacera en 1925 foi a derradeira falante deste idioma das Illas Andamán da India. Aquí podes ver un pequeno vídeo que o lingüista Anvita Abbi realizou sobre o caso:
Coma Chaachii, Doris McLemore (16 abril de 1927: Anadarko-Oklahoma), Marie Wilcox (novembro de 1933: California), Gyani Maiyi Sen (1937- 2012: Nepal) ou Charlie Mungulda (Australia) son as mulleres e homes que falaron por útlima vez wichita, wukchumni, kusunda e amurdag respectivamente, todos eles idiomas que nalgún momento foron a lingua incial e de comunicación habitual nas súas respectivas comunidades e que, a día de hoxe, en 2016, ou ben non existen ou ben desaparecerán canda o seu último falante.
Hai futuro
É evidente que temos un problema, pero é ben sabermos que os expertos repiten con esperanza que estamos a tempo de reverter o proceso. Hai experiencias de cambio de tendencia en varios lugares do mundo, reais e aproveitables, mais para conseguilo fan falta vontade colectiva e políticas afoutas. Seremos quen?
E ti que vas facer?
Este artigo elaborouse grazas á colaboración de Xaquín Loredo Gutiérrez, membro do Seminario de Sociolingüística da Academia, en base a unha adaptación dos datos recollidos no Mapa Sociolingüístico de Galicia (Seminario de Sociolingüística da RAG, 1994) e no Módulo de galego da Enquisa de Poboación e Vivendas do Instituto Galego de Estatística (Instituto Galego de Estatística. IGE, 2004, 2008, 2013)