locutora

Imaxe do Diario Cultural

As Letras Galegas do ano 2026 están dedicadas a Begoña Caamaño. Escritora nada o 14 de outubro de 1964 no barrio do Calvario de Vigo. Autora de dúas novelas memorables –Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012)-; a aparición da súa obra narrativa considérase un froito de madurez, produto das experiencias vividas e das lecturas realizadas desde a nenez. Ambas as dúas obras ofrecen unha nova interpretación das figuras femininas dos mitos clásicos, pero baixo unha óptica actual, onde as mulleres son partícipes das propias historias e deixan de ser elementos secundarios. Mais antes de que sucedese isto, a escritora xa tiña unha consolidada carreira como profesional dos medios de comunicación en galego, e non deixaba de ser unha narradora da actualidade. Tras finalizar os seus estudos de maxisterio, fixo un curso de radio en Radio Noroeste, logo de rematalo pasou a formar parte da sección de informativos e deste xeito descubriu o xornalismo, que xamais abandonou. No xornalismo radiofónico, comezou contando todo o que acontecía nas rúas da súa cidade, Vigo. Pero cando comezou a traballar na Radio Galega e se trasladou a Compostela asumiu, ademais dos contidos de actualidade, o xornalismo cultural, labor moi necesario para difundir e dignificar a nosa cultura. Tiña conciencia naquela altura de que se estaba a construír unha radio para un país. Ademais de ser redactora de novas de diferente índole, foi locutora na radio pública galega. A súa voz chegou a todos os lugares onde se prendese un transistor. Como tal participa no Diario Cultural de par de Ana Romaní, mais dirixe e presenta espazos propios como Andando a terra; Club Cultura, Expreso de Medianoite.

Dinos o DRAG que locutora é a “profesional da radio ou da televisión encargada de ler as noticias, anunciar e presentar os programas etc.”. Esta voz procede do latín tardío locūtor, -ōris onde significaba ‘o que fala’, que á súa vez se vincula co verbo loquor ‘falar’. Ademais do nome da profesión, hai unha serie de palabras que comparten orixe e pertencen tamén ao ámbito radiofónico, como son locución “aspecto da comunicación que se refire á pronuncia das palabras, á entoación e mais ao ritmo de lectura dun presentador”; locutorio “local acondicionado convenientemente para realizar emisións radiofónicas”. Máis alá do ámbito radiofónico pero que gardan relación con loquor atopamos os cultismos locuaz, “que ten tendencia a falar moito” e locuacidade, “calidade de locuaz”.

Achamos algúns outros vocábulos afíns á voz locutor e locutora que son comentarista, que se refire ao “xornalista que ten por tarefa describir e interpretar os acontecementos transmitidos, xeralmente de maneira improvisada en función do discorrer dos feitos”, creado sobre o termo comentario que procede latín commentarium ‘libro de memorias’; presentador ou presentadora “profesional que presenta os contidos ou os artistas dun espectáculo ou un programa de radio ou televisión”, que é un derivado do verbo presentar, continuador do latín praesentāre ‘poñer á vista’; condutor, -ora, que designa o ou a “presentadora que guía o programa, actuando como nexo entre as noticias, as reportaxes, as conexións en directo ou calquera outro contido”, acepción terminolóxica propia do ámbito da comunicación. Esta voz foi tomada do francés conductour, e deriva do latín conductor, que significaba ‘quen contrata ou emprega’, aínda que no latín tardío xa adquiriu o significado de ‘transportista’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir