marca de auga

Marca de auga é, segundo o Dicionario, unha locución que denomina os “sinais ou debuxos feitos no papel ao fabricalo, e que se perciben ao miralo a contraluz”. Hoxe podemos ver o seu emprego nalgunhas fotos en Internet para reservar os dereitos das imaxes. A súa orixe remóntase aos procedementos de manufactura de papel de trapo. O último proceso antes do secado da pasta de papel consistía no seu peneirado por unha malla metálica que deixaba unhas marcas en forma de liñas horizontais e verticais. Logo os fabricantes de papel decatáronse de que este efecto se podía aproveitar introducindo debuxos feitos cun fío de metal soldado ás propias mallas para lle dar un carácter xenuíno á súa produción. Este fío inda se deixa ver na formación do seu sinónimo filigrana, termo da ourivería, de procedencia italiana, pero que se remonta ao latín filum ‘fío’.

Os muíños papeleiros que había en Galicia tiñan as súas propias marcas distintivas, pero o papel de maior calidade e máis valorado era o holandés, tanto como para chegar a dar nome común ao papel sen cortar dun tamaño concreto, holandesa. Proba diso son algúns dos usos que coñeceu o papel de luxo dun mesmo muíño desta orixe, Honig en Zoonen, Honig e fillos. Coa colmea como símbolo (Honig significa mel en holandés), serviu para imprimir os gravados de Goya ou a Declaración de Independencia das Trece Colonias (1776) e as mesmas cartas de Thomas Jefferson… e tamén os versos populares recollidos pola nosa Rosalía que se conservan no Arquivo Municipal da Coruña e dos que recollemos unha parte para amosárvola neste Mira que din.

O capricho fixo que Rosalía aproveitase as follas en branco que servían de gardas a un libro. Chamádelle casualidade ou destino, mais parece que esta marca dos Honig acredita o carácter dos versos, mel de tradición galega, escrita nun papel que gustaba de facer servizos á loita contra a opresión.

Doce liberdade á que nos convoca Rosalía como cada ano o 24 de Febreiro.

Adios Ríos, Adios Fontes
Premer para ver a imaxe 

Rosalía recolleu da súa man estas cantigas populares que están na base do seu primeiro poema e do seu primeiro libro na nosa lingua.

Adios ríos, adios fontes
Adios regatos pequenos,
Adios vista dos meus ollos
Non sei cando nos veremos.

 

 

Publícase esta imaxe grazas ao Arquivo Municipal da Coruña, onde se custodia o fondo.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir