máscara

A comezos do século XX, no 1916, xorden as Irmandades da Fala e os e as súas integrantes aspiraban a modernizar a sociedade galega daquela altura en todos os eidos. O grupo da revista Nós asumiu a tarefa de europeizar a cultura galega. Víronse inmersos nun dobre proceso, o descubrimento das raíces propias, por un lado, e a incorporación das novidades europeas, polo outro. Este proceso debía incidir en todas as áreas, incluída a literatura. Concretando no teatro, búscase unha fórmula dramática que manteña a galeguidade e asemade actualice a escena galega. A intención era crear un teatro nacional e moderno. Un dos que asumiron este labor foi Afonso Daniel Rodríguez Castelao que, durante unha estancia en París no 1921, coñeceu a obra de Nikita Balief e quixo trasladar o que alí descubrira á dramaturxia galega para que esta se convertese nun espectáculo artístico, nun Teatro de Arte ou de máscaras. Así, o contido literario deixa paso ao visual, á música, á mascarada… A primeira contribución de Castelao a este novo teatro foi a adaptación teatral de Un ollo de vidro, transformándoo nun monólogo. Mais a súa verdadeira achega ao Teatro de máscaras ou Teatro de Arte foi, sen dúbida ningunha, Os vellos non deben de namorarse, obra que pretendía rematar co teatro burgués feito ata ese momento. Pero a intensa actividade política na que estaba inmerso Castelao nos anos 30 do século XX fixo que a presentación deste proxecto teatral non fose posible ata que se asentou en Bos Aires como exiliado.

O Teatro de máscaras represéntase xa na antigüidade, en Grecia e Roma, e tamén nas civilizacións orientais, na India, na China e no Xapón. A máscara empregábase para que non fosen recoñecidos os e as artistas, para crear distancia entre o intérprete e o público e para facilitarlles a identificación dos distintos personaxes ás persoas máis afastadas. Esta posta en escena continuouse a empregar ao longo da historia do teatro en diferentes momentos, como na Commedia dell’arte no século XVI. A máscara é un “obxecto que representa unha cara, que utilizan as persoas para cubriren o rostro e así transformaren o seu aspecto”, a palabra procede do equivalente italiano maschera, e este lévanos á voz do árabe masẖarah que significa ‘obxecto de risa’. Castelao usa a denominación Teatro de Caretas, utilizando careta como sinónimo de máscara. Segundo o Dicionario careta é o “obxecto de papel ou de plástico que representa unha cara grotesca e que se utiliza para cubrir e ocultar o rostro”. Un termo creado sobre o substantivo cara, a parte frontal da cabeza e que procede da voz do latín vulgar cara, tomada do grego kára ‘cabeza’, ‘rostro’. Rexístranse como posibles sinónimos as voces carauta, caroza, caranta e carantoña que remiten ao étimo do latín character ‘signo máxico’. Tamén ten o mesmo significado a voz felo, voz procedente do fráncico *fillons ‘verdugo’, pertencente á familia xermánica de *filljan ‘golpear’, ‘bater’.

No ámbito teatral, recóllese o termo mascarada para designar a ‘representación teatral, de orixe cortesá, interpretada por nobres con máscaras, que combinaba partes dialogadas con outras cantadas e danzadas’. Espectáculo que xorde en Italia, aínda que se perfeccionou en Inglaterra durante os séculos XVI e XVII, cando intérpretes enmascarados e vestidos con traxes moi fastosos interpretaban personaxes mitolóxicos ou alegóricos e protagonizaban un debate. Este vocábulo (mascarada) fórmase sobre máscara e pasa á lingua común co significado “festa na que participan persoas con máscara” ou “grupo de persoas con máscara”. Nesta acepción é unha voz moi vinculada co Entroido, como cando falamos das mascaradas da Ulla, nas que un dos xenerais ou un dos correos protagoniza un diálogo, máis ou menos combativo, cun veciño ata acadar a concordia e un final con música e baile.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir