“O memorando de austeridade será rexeitado o domingo polo pobo e ao día seguinte non haberá Troica” ou “Os opositores ao memorando na Arxentina cualificárono de inconstitucional e contrario ás leis do país” son dous dos moitos exemplos de uso do termo memorando na prensa recente. No DRAG, a primeira das dúas acepcións que se recollen para esta palabra, a máis aberta, é “nota destinada a lembrar as cuestións fundamentais dun asunto”. É certo que a definición deste texto recordatorio pode variar bastante, en función do contexto e mais da finalidade coa que se leve a cabo, xa que destes dous condicionantes van depender moitas das súas características, desde a extensión ata o grao de vinculación que implique. Neste sentido, os memorandos máis comprometedores e formais teñen de ser os que se elaboran no ámbito da diplomacia, como se recolle na segunda das acepcións do Dicionario, comprometendo diferentes países en negociacións e acordos internacionais, que acaban copando os titulares dos medios de comunicación.
Memorando é, como se deduce do seu étimo, calquera anotación que teña por obxecto evitar o esquecemento dun asunto considerado de importancia. A palabra procede do latín memorandum, un nome derivado á sua vez do verbo memorare ‘lembrar’, onde o morfema –nd– achega un valor modal de obrigatoriedade: memorando é ‘o que debe ser recordado’, do mesmo xeito que axenda (a partir de agere ‘facer’) é ‘o que debe facerse’ ou referendo (sobre referre ‘someter’) é ‘o que debe someterse’, a discusión, neste caso.
A palabra entra no idioma en época tardía -as primeiras documentacións son de comezos do século XX- e como cultismo adáptase minimamente á nosa morfoloxía, no mesmo sentido doutros substantivos como currículo ou o devandito referendo. Nos tres casos, é habitual atopar exemplos de uso do termo latino en enunciados como “presentou o seu currículum en varias empresas” ou “o anterior goberno aprobou un segundo memorándum en pouco tempo”, se ben ao existir unha forma adaptada sancionada pola Norma, o adecuado é empregala en lugar do latinismo.