Os cambios sociais implican moitas veces que teñamos que dotarnos de novas palabras para facer ostensibles fenómenos que doutra maneira seguirían soterrados. Un destes termos é micromachismo.
O termo foi creado polo psicoterapeuta Luis Bonino en 1991. O propio autor o definía como:
“…pequenos, case imperceptibles controis e abusos de poder case normalizados que os varón executan permanentemente. Son hábiles artes de dominio, manobras e estratexias que, sen ser moi notables, restrinxen e violentan insidiosa e reiteradamente o poder persoal, a autonomía e o equilibrio psíquico das mulleres, atentando ademais contra a democratización das relacións. Dada a súa invisibilidade exércense xeralmente con total impunidade” [a tradución é nosa].
Porén desde 2010 son os propios movementos feministas os que comezan a empregalo e o termo empeza a transcender máis alá da literatura especializada e usarse nos medios de comunicación, nas redes e na sociedade civil.
Lexicograficamente estamos ante unha palabra nova. A base de formación da mesma é o termo machismo ‘comportamento que non acepta a igualdade de dereitos entre home e muller’. Este é un derivado sobre a palabra macho que bebe do latín masculus ‘ser masculino’ ao que se lle incrementa o sufixo –ismo, que crea substantivos abstractos. Por outro lado, bótase man do prefixo de orixe grega micro- que está vinculado coa idea de ‘pequeno’, que ten como equivalente oposto mega- ou macro- que sería ‘grande’.
O termo ten certa complexidade semántica en canto á súa formación, xa que aquí micro- parece traer a idea de imperceptible inda que existente, máis que a de pequeno en si; mentres que o sufixo –ismo que adoita utilizarse para dar nome a movementos ideolóxicos, relixiosos ou fenómenos xerais parece asociarse a cada manifestación concreta do fenómeno.
A vertente dupla do prefixo é a razón dalgúns dos reparos que se lle aplican ao termo por se entender que pode minimizar un fenómeno que en ningún caso é pequeno nin irrelevante. En todo caso paga a pena o esforzo de identificar todos aqueles atavismos, por empregar a mesma licenza, que conducen á inxustiza entre as persoas.