A ONU en decembro de 1993 fai pública a “Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller” coa pretensión de poñer os alicerces para un futuro libre de violencia de xénero. Para espertar a concienciación a Asemblea Xeral, no ano 2000, emite a resolución na se que designa o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, onde convida os gobernos, organizacións internacionais e ONG a participar activamente na devandita xornada e a organizar accións todos os anos ao redor desta data que contribúan a que a poboación sexa quen de rexeitar a violencia contra as mulleres e calquera outro tipo de ignominias.
O noso modesto xeito de participar na iniciativa é explicar aquelas voces que aparecen ao redor destes actos condenables, unha destas voces é misoxinia. O DRAG define este termo como a “aversión ás mulleres”, onde a voz aversión significa “actitude desfavorable ou hostil cara a algo ou alguén”. A etimoloxía da palabra misoxinia dinos que é unha formación moderna (século XIX) na que se emprega o prefixo miso- que vén do grego miséo ‘odiar’ máis o substantivo gyné ‘muller’; daquela, de xeito literal, é ‘odio á muller’. Cando se emprega o concepto misoxinia na actualidade estámonos a referir a unha ‘actitude rancorosa, hostil e de menosprezo cara ás mulleres’.
Sen dúbida ningunha, é a manifestación dun atraso cultural que vén de vello e enraizado na crenza da superioridade masculina, que lle atribúe unicamente á muller o coidado do fogar e das criaturas en exclusiva. Xa atopamos testemuños misóxinos na antiga Grecia, onde elas non eran consideradas cidadás de dereito; e mesmo para algúns filósofos o papel destas era só o de garantir a descendencia. A cultura hebrea cría que a muller era a culpable da perda do paraíso e as escrituras sagradas nas que se basean credos posteriores mesmo aluden ao sometemento explícito da muller ao home. Partindo deste sentimento individual de menosprezo grave cara a elas pódese explicar o machismo. Este é o conxunto de crenzas, prácticas sociais e actitudes onde a muller figura coma un ser inferior e sofre comportamentos discriminatorios ou desprezativos dirixidos contra elas.
O vocábulo machismo fórmase mediante o sufixo -ismo, aplicado á voz macho ‘individuo de sexo masculino’. Os comportamentos machistas danse en todos os ámbitos: no familiar, cando as obrigas non se reparten de xeito equilibrado; no eido económico, cando a muller recibe salarios inferiores aos dos compañeiros no mesmo cargo ou ten dificultades para acceder a postos da escala superior (teito de cristal). O machismo contribúe á consolidación dos estereotipos de xénero tales como que as mulleres son boas coidadoras, e que por iso deben recaer sobre elas as tarefas relacionadas co coidado; ou que por posuíren unha determinada fisionomía non poden desenvolver determinados traballos que esixen esforzo físico.
A nosa aspiración como sociedade é a erradicación do machismo e educar as persoas para que os comportamentos misóxinos non se produzan e non teñamos que contar máis vítimas de violencia de xénero.