monoparental

Hai uns días, atopamos nun pequeno estudo o termo monomarental como reacción a monoparental, do que se teimaba en fuxir, por pretender que este representa un tipo de familia onde a persoa adulta que a forma é de sexo masculino, que non era o caso do que se falaba. Mais…
 

Monoparental é unha palabra composta de dous membros que se recoñecen sen dificultade: mono– porta o valor semántico de ‘único, só ou solitario’, o mesmo que tiña en orixe o adxectivo grego monos, -é, -on, do que procede. Aparece en cultismos do século XIX en diante e en terminoloxía de recente creación, como a palabra que nos ocupa. A súa produtividade pódese comprobar no número de entradas recollidas no Dicionario encabezadas por este prefixo, como monopolio, monopatín ou monokini, ata un total de máis de cen.
 

A segunda parte do composto, parental (do latín parentalis, -e), documéntase en distintos usos como adxectivo independente para referirse a todo o relacionado coa nai e mais o pai, que era tamén o seu sentido etimolóxico. Aludindo en xeral aos familiares directos, aparece como constituínte noutros termos como parente, parentela ou parentesco, todos eles formados partindo do verbo latino parere (parire, na súa forma arcaica) que tiña para os romanos varias acepcións vinculadas ao concepto de facer aparecer algo que non existía con anterioridade, a primeira delas ‘parir’, mais tamén ‘pór ovos’, ‘producir, respecto do solo ou as plantas etc.’ ou, con valor abstracto, ‘inventar’. A orixe remota do verbo parece que está nunha forma per–  reconstruída do indoeuropeo, que equivalería aos contidos de ‘dar’ ou ‘fornecer’.
 

Despréndese do anterior que non pode xustificarse desde o punto de vista lexicográfico a creación monomarental/ monoparental  para opoñer as familias ao cargo dunha única persoa adulta, muller e home respectivamente, xa que parental en ningún caso se relaciona coa figura do pai en exclusiva, senón que este contido corresponde a outro adxectivo, paternal. Tendo en conta isto, para expresar o sexo do proxenitor neste tipo de familia débese recorrer á especificación por medio do adxectivo feminino -a / masculino -a, en combinacións como “fogar monoparental masculino”, “familia monoparental feminina” ou “custodia monoparental masculina”.
 

A creación deste termo –no ámbito anglosaxón, nos anos setenta do século pasado– responde á necesidade de darlle nome a unha das posibilidades de agrupamento familiar cunha presenza crecente na nosa sociedade, con implicacións significativas a nivel socioeconómico e xurídico, e polo mesmo amplamente documentado nas últimas décadas –especialmente dos anos noventa en diante– tanto na produción escrita coma na oralidade do día a día.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir