
Un futuro mellor pasa pola erradicación da pobreza, combater a desigualdade, o consumo responsable ou a loita contra o cambio climático. Estes retos son, de feito, tres dos 17 incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, aprobada por todos os países das Nacións Unidas. Entre eles destaca a educación inclusiva e equitativa de calidade, na que a diversidade lingüística é un reto imprescindible. A Unesco afirmou que A diversidade lingüística e o multilingüismo contan para o desenvolvemento sostible e converteuno no lema do Día da lingua materna 2018.
Desde a Unesco arguméntase que para acadar os restantes obxectivos é esencial actuar desde o eido educativo e, neste contexto, abórdase a necesidade dunha educación multilingüe que contribúa a un futuro mellor, un porvir que facilite o acceso a novos coñecementos e expresións culturais diversas e que constrúa unha cidadanía mundial. Un ensino onde se empreguen tres linguas, como mínimo: a lingua materna, unha lingua rexional ou nacional e unha lingua internacional.
O termo multilingüismo está formado polo prefixo latino multi- que indica ‘moitos’ ou ‘varios’ que se engade a unha base de formación latina lingua ‘linguaxe ou lingua’, á que se engade o sufixo –ismo, de base grega, inda que chega a nós a través do equivalente latino –ismus. Nun primeiro momento, empregouse na terminoloxía médica e logo pasou a designar movementos ideolóxicos, sociais ou relixiosos, partindo de nomes propios, nomes de lugar e tamén sobre adxectivos. Á par do vocábulo estudado son formacións semellantes bilingüismo ou monolingüismo. A nivel semántico, multilingüismo fai referencia coexistencia de varias linguas nunha sociedade ou, neste caso, nunha comunidade educativa. Esta situación é frecuente, se botamos as contas que no mundo se chegan a falar máis de 6000 linguas en menos de 200 países.
Concepto semellante indica o vocábulo plurilingüe, “que fala varias linguas”, formado polo elemento derivativo pluri-, partícula de orixe latina que forma palabras novas e ten o significado de ‘moitos, en gran cantidade’, máis o pospositivo –lingüe que forma adxectivos cultos procedente do latín lingua coa significación coincidente coa actual. Da mesma familia e idea é o termo plurilingüismo.
Tanto pluri- como multi– son prefixos asociados á diversidade lingüística, que pode definirse como a medida da cantidade de linguas existentes nun país ou zona xeográfica. Pero esta riqueza está hoxe ameazada. Cada vez que desaparece unha lingua canda ela vaise unha cultura, uns valores e uns coñecementos tradicionais. Por iso é primordial que a adquisición de habilidades básicas como a lectura, escritura e aritmética se faga na lingua materna. A primeira lingua que se aprende a falar na nenez é un modo de garantir a diversidade e de acceder a outras linguas posteriormente.
Tanto diversidade lingüística como lingua materna son expresións que pertencen á terminoloxía propia da sociolingüística. A primeira delas procede do latín diversitas ‘diferenza’ e máis o feminino de “lingüístico” que remite ao francés linguistique, derivado, á súa vez, de linguiste ‘lingüista’. Lingua materna é a denominación para describir a lingua na que o individuo se ve exposto desde o seu nacemento, que primeiro adquire e que se inscribe no seo da familia. Inda que hai unha tendencia a substituílo por lingua inicial ou primeira.