musicóloga

Imaxe de Dorothé Schubarth no ILG no ano 2017 recollida do vídeo Premios Martín Códax da Música en youtube.com

A musicoloxía é o estudo da teoría e a historia da música. Este é un campo de estudo académico que abarca unha ampla gama de temas. Examina a historia, a composición, a teoría e a práctica da música e a súa función na cultura e na sociedade. Os e as profesionais neste eido son os musicólogos e as musicólogas, que analizan e interpretan obras, estilos e xéneros musicais desde diferentes perspectivas, como a histórica, a cultural e a sociolóxica. Poden centrarse na investigación dun período, dun estilo, dun xénero ou dun compositor. Pero tamén se interesan no impacto da música nos individuos, nas comunidades e nas culturas.

Imaxe da páxina web da Fundación Barrié na que se recollen os volumes do Cancioneiro Popular Galego

Neste eido concreto cómpre situar Dorothé Schubarth, unha musicóloga suíza que en 1978 chegou a Galicia para estudar o canto popular en galego, logo de publicar unha monografía sobre o canto popular europeo e a diversidade das súas formas (Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen). Ela quería pescudar se os cantos populares, aínda que estiven afastados, gardaban relación entre si. Froito dese propósito inicial e grazas á colaboración estreita co lingüista e catedrático da USC, Antón Santamarina, xorde o Cancioneiro popular galego, o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral de Galicia, no que se reúnen pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega. A obra consta de sete volumes e foi editada en 1984 pola Fundación Barrié, que ademais apoiou economicamente a estancia da profesora Schubarth en Galicia.

A especialista percorreu gran parte do territorio recadando as cantigas e mais as súas melodías, a maioría delas, transmitidas de xeito oral. Para levar a termo este labor aprendeu a nosa lingua e compartiu a vida e as tarefas habituais desenvolvidas por moitos e moitas das súas informantes, algunhas delas cantareiras, as protagonistas das Letras Galegas 2025. Cómpre valorar o estudo etnográfico, ademais do estudo musical, Dorothé Schubarth compilou unha serie de letras e melodías que, ao pertenceren á tradición oral, corrían o risco de se perderen, xa que os modos de vivir, de traballar e de se divertir estaban a mudar, e a transmisión das persoas maiores ás novas estaba esmorecendo.

As palabras musicóloga e musicoloxía son termos de especialidade que toman como base o substantivo música, voz tomada do latín musĭca que, á súa vez, remite ao grego mousikḗ, que se asocia a moûsa ‘a forza artística das musas’. As musas eran uns personaxes femininos que tiñan como misión deleitar os deuses do Olimpo. Eran posuidoras de variadas habilidades, entre elas, o dominio da melodía, o ritmo e a harmonía para crear sons fermosos. Na antiga Grecia a actividade artística era denominaba mousiké téchne, que pasou á cultura romana como ars musica (arte música). Ao longo do tempo o significado foise acoutando ata chegar a cinguirse só ao aspecto melódico. Por outra banda, a nosa investigadora foi compiladora dun material inédito (tan só conservado na memoria das cantareiras), denominación relacionada co verbo compilar ‘reunir (textos, escritos ou documentos) ou, como é neste caso, cantigas e melodías de características semellantes’. Este verbo procede do lat. compilare (da mesma familia ca o substantivo compilatio, –onis que significaba ‘colección de obras reunidas’) que significaba ‘roubar’, ‘saquear’, pero, cando se refería a escritos, adoptaba o significado de ‘plaxiar’, ‘aproveitarse dos escritos doutro’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir