nación

Entre outros, Castelao, Cabanillas e Paz Andrade no Xantar da Barxa en Vigo o Día da Patria de 1930

A segunda acepción do termo nacionalismo no Dicionario da Academia di: “doutrina política que no caso das nacións sen estado, defende a liberdade da comunidade nacional na decisión da forma política que quere adoptar para si”. Foron as Irmandades, en 1916, quen primeiro resolveron empregar a palabra nación para falar do país. A orixe desta voz está no latín natio -onis, procedente en último caso de nascere, co significado de ‘nacer, ser posto no mundo’. Esta etimoloxía percíbese ben na locución de nación, que se emprega en enunciados como “era xeniúdo de nación”, para dicir de alguén que ten un xenio difícil desde o mesmo nacemento. Así mesmo, está viva aínda na lingua unha acepción para nación que alude ao órgano xenital das femias dalgúns animais, “a nación da vaca” por exemplo, onde tamén se deixa ver o vínculo semántico co étimo latino.

24 de xullo de 1933. Diante da estatua de Rosalía na Alameda de Compostela. Entre outros nacionalistas: Bóveda, Peinador, Paz Andrade, Suárez Picallo, Plácido Castro, Ramón Piñeiro, Camilo Díaz, Víctor Casas...
24 de xullo de 1933. Diante da estatua de Rosalía na Alameda de Compostela. Entre outros nacionalistas: Bóveda, Peinador, Paz Andrade, Suárez Picallo, Plácido Castro, Ramón Piñeiro, Camilo Díaz, Víctor Casas…

De nación deriva nacionalismo, o movemento político que é un elo máis na cadea histórica do provincialismo e o rexionalismo. Antón Vilar Ponte, fundador das Irmandades xunto co seu irmán Ramón, utilizou no título dun seu artigo publicado na revista A Fouce de Bos Aires unha etiqueta para referirse a estes movementos: “verbas mortas”. No escrito explica como se foi desgastando a palabra rexionalismo, converténdose nunha voz baleira, ata o punto de ser preciso reforzala cun adxectivo, rexionalismo integral –así aparece no número I da Nosa Terra– para ben transmitir a postura das Irmandades que pretendían superar o rexionalismo de ocasión. E esta vontade marcará un novo fito cando acordan nomearse “d’oxe para sempre nazonalistas galegos”, na asemblea celebrada en Lugo no ano 1918.

Coa denominación nacionalismo, as Irmandades conseguiron revitalizar a carga combativa do proxecto dos que defendían o país, achegando o contido reivindicativo que deixara esluído a utilización estendida do termo rexionalismo. Tal e como o expresou Ramón Cabanillas, “nazonalismo é unha palabra que ten a virtude dos foguetes: estoupa”. Do ano 1918 en diante, logo da devandita I Asemblea, nacionalismo e rexionalismo practicamente non volveron empregarse como sinónimos nas publicacións das Irmandades, un xesto no que se transparentaba unha outra oposición terminolóxica de fondo: soberanía fronte a autonomía. O parágrafo do Manifesto da Asemblea onde se recolle esta idea é, a día de hoxe, unha referencia histórica: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas

Nun texto manuscrito lese "...d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos,..."
Reprodución retocada dun fragmento do texto manuscrito do Manifesto da I Asemblea Nacionalista. Lugo 1918

 

A compostelá Praza do Obradoiro o 25 de xullo de 1920 nunha imaxe de Ksado que o editor Henrique Alvarellos publica nun seu artigo para La Voz de Galicia
A compostelá Praza do Obradoiro o 25 de xullo de 1920 nunha imaxe de Ksado que o editor Henrique Alvarellos publica nun seu artigo para La Voz de Galicia

Para as Irmandades, a soberanía galega pasaba pola oficialidade do idioma (xunto co castelán), un posto para Galicia na Sociedade de Nacións e o proxecto dunha federación de nacións peninsular. Tamén a eles debemos a implantación do Día de Galicia, xa que na súa II Asemblea, desenvolvida en Compostela en 1919, decidiron celebralo o 25 de xullo e desde o ano seguinte a data non deixou de conmemorarse converténdose nunha cita simbólica da loita por todas as reivindicacións que levan a nación no seu centro, actualizando permanentemente as palabras de Vilar Ponte:

Galicia ten dereito, un dereito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma

 

 

Alborada25Xullo1920-ANT

Portada d’A Nosa Terra do 25 de xullo de 1920 na que se convoca por vez primeira a celebración. Segundo o texto, agárdase que “dentro de poucos anos non haxa fogar galego, aldeán ou vilego, que deixe de exteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia”.
Preme na imaxe para descargar un JPG de tamaño grande (0,95Mb)

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir