Nadel

Ao rematar a Guerra Civil Florencio Delgado Gurriarán afirmou: Xoguei e perdín, calei e marchei… Mais non é certo. Perdeu, si, mais, en realidade, perdemos todas e todos; marchou como tantos outros porque a súa vida estaba en perigo; pero non calou, pois desde o exilio en México continuou o seu activismo político, cultural e tamén o literario.

Aínda que un estivese a miles de quilómetros e cun océano polo medio, resultaba imprudente significarse. Un debía botar contas de que a súa actividade non só lle afectaba a el senón a todos os achegados que quedaran na terra e que, en calquera momento, podían ir a por eles para facerlles mal e escarmentar o fuxido. Nestas circunstancias cómpre ocultarse para que non saiban quen é o que escribe.

De aí a necesidade do uso de pseudónimos, que é o “nome ficticio co que un autor asina a súa obra para agochar a súa identidade”. A orixe do termo lévanos ao grego ψευδώνυμος (pseudonymos), formado de ψεῦδο (pseudo) que quiere decir ‘falso’ e ὂνομα (onoma) ‘nome’). As persoas individualizámonos grazas ao nome que nos impoñen no rexistro, tamén coñecido como o nome propio. Vinculadas coa tradición relixiosa o léxico recolle outras designacións como nome de pía ou nome de bautismo.

Florencio Delgado Gurriarán tivo que ocultar o seu verdadeiro nome nos seus escritos de opinión e en parte da súa obra literaria. Os seus pseudónimos son diversos, mais cunha nota común, a referencia á toponimia que o rodeou. Deste modo xorde a súa primeira careta na mocidade, Korgomófilo, un híbrido formado por -filo, elemento de orixe grega que ten o significado de ‘amante’ ou ‘amigo de’ que se lle engade ao topónimo Córgomo (a súa parroquia do concello de Vilamartín de Valdeorras). Outros que se lle coñecen son Porto do río, nome de lugar que fai referencia a un sitio entre Córgomo e a Portela, onde festexaban os galeguistas o 25 de xullo, Xan do Sil, Sil e R. Miño.

Outra denominación tras a que se agochou foi Nadel. Empregouna en Cancioneiro da loita galega, obra que editou o Partido Galeguista en México no ano 1943. É unha escolla que diverxe das anteriores. Xógase coa posibilidade de que se trate dunha construción sobre as sílabas dos seus apelidos Delgado Gurriar-án, invertendo a orde daría Nadel. Mais a hipótese máis difundida é que se trata dun termo alemán que significa ‘agulla’ ou ‘alfinete’. Florencio participou na tradución de poesía europea ao galego, grazas a que coñecía varios idiomas. Posuía unha ampla formación e basta cultura, non nos debe sorprender que se escondese tras dunha voz alemá e moi afastada de nós. O Cancioneiro é un volume de 158 páxinas, que contén, ademais de cancións patrióticas galegas, 35 poemas «civís» asinados, na súa maioría, con pseudónimos para protexer a identidade dos autores. Delgado Gurriarán ofrécenos doce textos con títulos como Morte de Alexandre Bóveda, A un vello falanxista ou As cabalgadas do Farrucón Farruquiño. Todos son de índole social e de reivindicación dos caídos na Guerra, e, dada a temática, acáelle que se escribisen baixo unha pluma afiada coma unha agulla.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir