nanorrobot

Nos próximos vinte anos, está previsto que os diagnósticos por cancro aumenten nun 70%. Ao tempo, agárdase que uns dispositivos diminutos circulen polo noso corpo atacando, ata vencelas, as células canceríxenas, sen afectaren as sas. Este escenario, case de ciencia ficción, provoca unha mestura de abraio e fascinación mais sobre todo de esperanza. Os nanorrobots e as aplicacións que posiblemente teñan convértense nas estrelas dun futuro científico revolucionario.
 

Na nanorrobótica, rama da nanotecnoloxía, opérase con materiais na escala da millonésima parte do metro, creando dispositivos de entre 0,1 e 10 micrómetros. Nano– é un prefixo procedente da lingua grega, ben do adxectivo nánnos, -e, -on ‘pequeno en exceso’, ben do substantivo nânos ‘anano’. A medida que expresa quedou establecida en 1960 –na décimo primeira Conferencia Xeral de Pesos e Medidas–, de xeito que un nanómetro, sendo a milésima parte dun micrómetro, é a mil millonésima parte (10-9) do metro.


A especificidade da nanorrobótica dedúcese da segunda raíz do composto, xa que se trata do campo da tecnoloxía onde se crean máquinas ou robots a escala nanométrica. A historia da palabra robot (cómpre non esquecer que, cando se acompaña do prefixo rematado en vogal, é necesario o grafema dobre < rr > para manter a representación da vibrante múltiple /r/), lévanos ata a Bohemia dominada polo Imperio Austrohúngaro, na actualidade parte da República Checa, país onde naceu o dramaturgo Karel Čapek. En 1921, no Teatro Nacional de Praga, estréase a peza de ciencia ficción R.U.R (Rossumovi univerzální roboti), a partir da cal a palabra robot comeza a ser coñecida. Čapek atribúelle a creación do termo a un seu irmán, Josef, quen partiu do checo robota, ‘traballo duro’, que, antes da abolición da escravitude a mediados do XIX, designaba o tempo –seis meses, aproximadamente– que un servo estaba obrigado a renderlle ao seu amo cada ano. Pola súa parte, robótica, entendido como unha enxeñaría tecnolóxica, foi acuñado polo escritor e divulgador científico Isaac Asimov.


Galicia asinou recentemente un acordo de colaboración co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, instituto tecnolóxico co que desenvolveremos proxectos relacionados coa loita contra o cancro, o ictus, o control e tratamento das augas residuais e mais o deseño de alimentos funcionais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir