Tocounos vivir nun tempo no que a loa aos emprendedores e ás emprendedoras é unha constante. Mais cómpre estudar concienciudamente onde se van investir as forzas e, sobre todo, os cartos cando se trata dun proxecto empresarial. Por iso xorde a necesidade dos estudos de mercadotecnia. Esta é unha “actividade que consiste no desenvolvemento e aplicación dun conxunto de técnicas destinadas a adaptar a produción e comercialización dos produtos e servizos á satisfacción da demanda dos clientes e á obtención dun beneficio comercial”. Parece que calquera que pretenda ter boa cabeza coas finanzas procurará que o ámbito de investimento estea pouco explotado, de xeito que o capital poida ser amortizado e xere beneficios máis pronto ca tarde.
Nas circunstancias sinaladas recoméndase elaborar un estudo de mercado, “conxunto de accións destinadas á obter e analizar a información relativa a un mercado dado, en especial no referente ás condicións da oferta e da demanda, as posibilidades de comercialización dun produto ou servizo, o estudo das necesidades dos consumidores ou a análise da competencia”. Unha vez concluída esta pescuda coñeceremos as carencias dos e das futuras consumidoras para lles poder presentar as nosas propostas e satisfacer as súas necesidades. Philip Kotler, o pai da mercadotecnia, denomina esta descuberta co termo nicho de mercado, que define como o “grupo de persoas (máis pequeno que un segmento de mercado) con necesidades e desexos específicos, vontade para satisfacelos e capacidade económica para realizar a compra ou adquisición”.
TERGAL recomenda o uso da locución nicho de mercado ou oco de mercado no ámbito da economía e da mercadotecnia. O substantivo nicho é unha denominación común ás linguas da nosa contorna para referirse ao ‘oco feito nunha parede para a colocación dun elemento ornamental’; así o atopamos en francés, niche; en italiano, nicchia; en portugués, nicho; e mesmo en inglés, niche. En todos estes idiomas tamén aparece a locución especializada equivalente á galega nicho de mercado, formada de modo semellante: market niche, niche de marché, nicho de mercado, nicchia di mercato. Existen outras locucións terminolóxicas formadas coa palabra nicho: no ámbito da bioloxía e da ecoloxía falamos de nicho ecolóxico “posición relativa que ocupa unha entidade biolóxica dentro dun ecosistema determinado”; de nicho efectivo “posición que ocupa unha entidade biolóxica nun ecosistema tendo en conta os factores físicos e as interaccións cos competidores”; e tamén de nicho fundamental “posición que ocuparía unha entidade biolóxica nun ecosistema en ausencia de interaccións con competidores”.
Por outra parte, cómpre sinalar que na nosa lingua o substantivo nicho posúe a acepción “cavidade feita nun muro ou parede para sepultar un cadáver” que coñece tamén o castelán, pero non así outras linguas próximas.