nocebo

‘Fareiche dano’ é o sentido etimolóxico desta palabra, que xorde pola substantivación da primeira persoa do futuro do verbo latino nocere ‘facer mal ou causar dano’. É un termo análogo e cunha formación similar á do seu antónimo placebo, o “preparado farmacéutico carente de acción terapéutica que se subministra para determinar a eficacia dun fármaco ou para obter efectos de curación por medio da suxestión”.

No lado oposto, un nocebo sería daquela algo como o placebo pero con efectos nocivos. A explicación atópase na psicoloxía da persoa que recibe a medicación, que é quen de se concienciar de que a substancia administrada non lle vai obrar ben, o que lle provoca un aumento da produción de colecistoquinina, unha hormona que actúa na modulación da percepción da dor, incrementando a hiperalxesia -“aumento anormal da sensibilidade á dor”-. Se o paciente ten expectativas pesimistas sobre o tratamento que vai recibir, é posible que efectivamente aparezan efectos negativos, pero non porque o fármaco os provoque directamente, senón por unha sorte de autosuxestión.

Esta palabra é usada por primeira vez por Walter Kennedy en 1961 na expresión inglesa nocebo response, coa que describía unha imprevista reacción negativa ao subministrar un “tratamento inerte”, aquel en que se empregan substancias inocuas, sen actividade farmacolóxica e do que non se agarda ningunha consecuencia prexudicial para o paciente.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir