É común sentir certa irritación ao vermos como o móbil pronto queda sen batería, mais para moitas persoas esa sensación chega á angustia cando descobren que o teléfono quedou esquecido na casa. Se ti es dos que non pode quedar desconectado, é probable que esteas sufrindo nomofobia, un posible trastorno de dependencia patolóxica definido polo temor morboso a non ter acceso aos dispositivos móbiles.
O inicio do composto explícase pola abreviatura do enunciado en inglés no mobile phone ([no mo]bile), a situación que causa o pavor dos nomofóbicos, ou sexa, verse sen o móbil. Canto á segunda parte, en tanto que o anglicismo nomophobia coincide na grafía
De acordo co que se comentou no parágrafo anterior, nomofobia é o resultado dun híbrido léxico medio inglés, medio helénico, adaptado ao galego. O hibridismo é un método de creación de neoloxismos que funcionou desde sempre no idioma para cubrir a demanda de vocabulario derivada da evolución da sociedade e as novas realidades. Palabras como automóbil (do grego autós mais o latín mobilis, –e), televisión (grego téle e latín visio, -onis) ou burocracia (francés bureu e grego kratía) serven como exemplo deste recurso da lingua. Na actualidade, os híbridos léxicos danse habitualmente asociados aos ámbitos de máis rápido desenvolvemento –e xa que logo, con maior produtividade terminolóxica–, como son o da tecnoloxía e a informática ou o das ciencias sociais. A súa difusión interlingüística é proporcional ao impacto destas realidades na cultura urbana, e vese claramente favorecida pola consideración internacional do inglés, se ben, en casos como o de nomofobia, aínda non se inclúen na maioría dos dicionarios de lingua xeral.
Nomofobia resulta unha palabra convincente e popular probablemente polo feito de que case calquera de nós podería sentirse afectado dela, pero esta mesma razón é tamén a que dan algúns especialistas do ámbito da medicina para non a consideraren un verdadeiro trastorno, senón simplemente o síntoma dun proceso natural de adaptación que parece ser recorrente cando nos vemos expostos a un avance tecnolóxico. Sexa como for, a nomofobia é algo tan estendido que xa se comercializan falsos móbiles para as persoas que queren superar esta dependencia.