O tempo do inverno para algunhas persoas é unha época tristeira, na que non se senten moi ben e andan co ánimo baixo e taciturnos. Semellan estar invadidos pola nostalxia; hogano, identificamos esta voz cunha emoción e o Dicionario defínea como o “sentimento de tristeza que produce o afastamento da patria, a lembranza dun tempo pasado ou de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe”; mais houbo un tempo no que este vocábulo describía unha doenza ben concreta.
En principio, esta palabra, designadora dun estado de ánimo, foi un termo médico. No século XVII, Johannes Hofer, un doutor de Alsacia, describiu por primeira vez unha enfermidade cuxa sintomatoloxía era febre, pulso irregular e dores de estómago, que afectaba, sobre todo, os mercenarios suízos que abandonaran as praderías alpinas para servir baixo outras bandeiras. Parece ser que contraían este mal cando oían a canción tradicional da súa terra Le ranz des vaches. A súa melodía levábaos a desertar; por iso, Hofer denominou esta afección como Heimwech (literalmente: dor polo fogar) e que se pasou a denominar nostalxia. Este vocábulo procede do latín científico nostalgia, que, á súa vez, bota man das voces gregas nóstos ‘regreso’ ou ‘retorno’ e a terminación -alxía ‘dor’. Desta forma do latín científico derivan a denominación galega nostalxia, o mesmo que o francés nostalgie e o italiano, portugués, castelán e inglés nostalgia.
A presunta enfermidade dos soldados suízos non nos é allea ás galegas e aos galegos, que posuímos unha historia inzada de diásporas; pero nós chamámoslle morriña, e algo sabemos sobre a dor por estarmos afastados da terra. Deste termo o Dicionario dinos que é o “sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra”. A orixe desta voz, tan nosa, non a teñen moi clara as persoas especialistas, por unha banda, Corominas indica que garda relación co termo morro procedente da onomatopea murr-, resultado da imaxe da persoa, que cando está triste, pon morros; outras investigacións poñen en relación esta palabra co vocábulo latino mori (morrer). Cando a nostalxia se agudiza os e as galegas vémonos invadidos pola saudade, o “sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable”. Este vocábulo chegounos a través do portugués, e orixínase no latín solitatem ‘soidade’, ‘illamento’, ‘desamparo’, que, á súa vez, é un derivado do adxectivo solus, -a, -um ‘só’. O Dicionario dá como sinónimo deste termo soidade (o continuador galego do lat. solitatem) e señardade, procedente da voz latina singularitate ‘calidade de ser único’.
Cando o sentimento nostálxico deriva en patolóxico, aparece a melancolía, “estado de ánimo caracterizado por unha tristeza fonda e permanente”. A orixe desta palabra lévanos de volta á medicina da Grecia do século V a.C., onde Hipócrates empregaba a voz melankholíā para indicar un exceso de bile negra, un dos humores básicos, que producía como síntomas medo e tristeza; pasa ao latín como melancholia e logo é tomado polas linguas romances. Esta idea mantívose na Idade Media e no Renacemento onde se sostiña que a ‘tristeza profunda’ era produto do desequilibrio dos catros humores. O termo melancolía fórmase pola amálgama das voces mélas, adxectivo que significa ‘negro’ ou ‘escuro’, o substantivo kholé ‘bile’ e a terminación -ia formador de substantivo abstractos en terminoloxía médica. Outros vocábulos da medicina que comparten o adxectivo mélas son melanina, melanuria ou melanismo.






















