novial

Para estes meses de verán, escollemos unha serie de linguas que teñen todas elas en común o feito de seren construídas, ou sexa, que non son o resultado dunha evolución histórica senón que foron creadas ben artificialmente, ben por contacto, cun fin determinado ou por unha necesidade comunicativa concreta. Cada semana, coñeceremos quen foron os seus inventores, para que as crearon ou como xurdiron e canto éxito obtiveron, ademais doutros detalles curiosos sobre elas.

 

As linguas construídas (conlangs) que eliximos son:

o esperanto, o ido, o novial, o interlingua, o volapük, o sabir, a lingua geral, o klingon e o dothraki.

O novial.

O novial é unha especie de esperanto 3.0, xa que se o ido naceu para tentar corrixir as eivas deste, o novial foi a creación do danés Otto Jespersen –cofundador da Asociación Fonética Internacional e tamén un dos construtores do ido– para ver de superar os problemas das linguas internacionais anteriores. Jespersen presentou a súa proposta de idioma en 1928, no libro An International Language, que fai do propio título unha declaración de intencións, buscando ser o código auxiliar definitivo para a comunicación entre todas as persoas do mundo, con independencia da súa lingua nativa. O nome novial  xorde de xuntar o prefixo nov– ‘novo’ coas iniciais da frase inglesa International Auxiliary Language.

En 1930, un par de anos máis tarde, publicouse o Novial Lexike, o primeiro dicionario do novo idioma, onde todas as palabras proceden de linguas romances e xermánicas, representadas conforme o alfabeto romano, con pequenas modificacións para adecualas foneticamente. Canto á súa gramática, lembra no fundamental á do inglés, buscando sempre a maior simplicidade.

A pesar do entusiasmo inicial con que foi acollido o novial polo comité de expertos que se esforzaban por atoparen unha lingua internacional definitiva, á morte de Jespersen, en 1943, a súa popularidade foi caendo progresivamente. A partir dos anos noventa, porén, volveuse activar o debate sobre a necesidade dunha lingua mundial, avivecido polas posibilidades de comunicación que ofrece Internet, e o novial experimentou un certo renacemento, que mesmo supuxo a creación, a través dunha listaxe de correo, dunha versión actualizada, coñecida como novial 98.

O marabilloso feiticeiro de Oz (The Wonderful Wizard of Oz), escrito por Lyman Frank Baum, en 1900, tamén conta coa súa tradución novial. Podes ler a continuación os dous primeiros parágrafos do capítulo primeiro:


Li Sorsiero de Oz

Chapitre Un

Li Siklone

Dorothy habitad mid li grandi stepes de Kansas, che Onklo Henry, kel esed farmere, e Tanta Em, kel esed li marita del farmere. Lesen hause esed mikri, pro ke li ligne por konstrukta lu had mus bli porta per veture trans multi mailes. Esed quar mures, planche e tekte, kel fad un chambre; e disi chambre kontenad rustosi aspektenti forne, armore por li plates, table, tri o quar stules, e li lites.

Onklo Henry e Tanta Em haved grandi lite in un angule, e Dorothy haved mikri lite in altri angule. Esed totim nuli mansarde, e nuli kelere – exept mikri true fosat in li tere, nomat siklone-kelere, vor li familie poved vada tikas ke un de ti grandi tordo-ventes did eventa, sat fortosi por destrukte irgi strukture in sen vie. On arivad a lu per trape mid li planche, fro kel skale dukted subu en li mikri, sinlumosi true.


O feiticeiro de Oz

Capítulo Un

O tornado

Dorothy vivía no medio das grandes pradarías de Kansas, co seu tío Henry, que era campesiño, e a súa muller, a tía Em. A casa na que eles moraban era pequena, porque a madeira para a súa construción precisaba traerse en carros desde moi lonxe. Eran catro paredes, un chan e un teito que formaban un único cuarto ocupado por unha cociña de leña de aparencia enferruxada, un armario para os pratos, unha mesa, tres ou catro cadeiras e as camas.

O tío Henry e a tía Em tiñan unha cama de matrimonio nun dos cantos, e Dorothy, unha pequena noutro. A casa non tiña faio nin soto, tirante un buraco non moi grande cavado na terra, que chamaban abrigo do tornado, onde a familia podería agacharse no caso de aparecer un deses inmensos remuíños de vento, tan fortes que son quen de esmagar calquera casa ou construción que encontren no camiño. Ao abrigo chegábase por unha trapela que estaba no medio do piso da casa e desta trapa baixaba unha escada até o abrigo estreito e escuro.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir