
Cando alguén fai un longo percorrido correndo ou ten un gran traballo por diante, de resistencia ou contra reloxo dise que está ante un maratón. O Dicionario recolle, de feito, como primeiras acepcións do termo as que se refiren á carreira pedestre de 42,195 km ou, por extensión, a calquera de longo percorrido. O uso desta palabra tamén se estende a calquera competición intelectual, lúdica e deportiva de resistencia e, xa nun sentido figurado, a unha actividade que poida resultar esgotadora. Pero antes de que todo isto fose así, Maratón (si, con maiúscula) designou a localidade helénica que segue a levar este nome, procedente do grego Μαραθών. O topónimo en cuestión (agudo e con omega) significa, segundo Estrabón, “[campo de] fiúnchos” (esdrúxula e con ómicron). Ten, iso si, moito de deportivo e de épico!
O mito conta que o soldado Fidípides foi correndo desde Maratón ata Atenas para anunciar a vitoria das tropas helénicas no ano 490 a. C., a unha distancia aproximada de ata 40 km, dependendo da ruta que tomase o soldado. Axiña que pronunciou a palabra νενικήκαμεν (‘vencemos’), morreu.
Para Heródoto, en realidade o heraldo foi de Atenas a Esparta para pedir axuda na mesma batalla. Dado que Esparta está ao sur da península do Peloponeso, a distancia anterior multiplicábase por seis, ata os 240 km. Nesta súa versión narra que foron as tropas gregas as que volveron ás présas de Maratón a Atenas e que chegaron no mesmo día.
Ademais do maratón hai outras competicións de resistencia con nomes semellantes cando as distancias para correr son diferentes dos 42,195 quilómetros maratonianos oficiais. Por exemplo, o ultramaratón e o medio maratón (non ten moita ciencia: para calquera distancia maior e para a metade). Con todo, non debemos confundir e mesturar nomes de cidades e terminacións.
En conmemoración do suposto primeiro esforzo titánico que supuxo percorrer a distancia entre Atenas e Esparta creouse unha competición chamada espártatlon, que estipula que se debe completar este camiño en menos de 36 horas. A base deste termo é similar á de maratón, pero a partir de Esparta e cunha tónica distinta. Isto é debido a que o que participa na súa formación é a terminación –ἆθλον,’competición; premio’. O mesmo sufixo permite crear tríatlon, péntatlon e décatlon mediante os prefixos dos numerais tamén tomados do grego: corresponderíanse coas modalidades deportivas de respectivamente tres, cinco e dez especialidades diferentes. Do mesmo xeito, existen tamén bíatlon, dúatlon, héxatlon, héptatlon, óctatlon, tetradécatlon (14) e icósatlon (20). Estas probas combinan carreiras, saltos, natación, ciclismo ou lanzamentos de diversos tipos (xavelina, peso, martelo, arco, disparo,…).
Noutras linguas estes nomes diferéncianse con variacións dun xeito distinto. Por exemplo, son similares en inglés (marathon, decathlon), francés (marathon, décathlon) e catalán (marató, decatló), mentres que noutros idiomas varían en tonicidade, grafía e mesmo xénero: en portugués un é a maratona e outro é o decatlo (ambas palabras paroxítonas, pero con tonicidade respectivamente en <o> e en <a>), o italiano mantén este feminino e usa o anglicismo para as outras (maratona, decathlon) e no castelán son oxítonas, admitindo os dous xéneros para o primeiro (el/la maratón, decatlón).