obsolescencia

Non permitir que os produtos duren demasiado, por contraditorio que pareza, esta é a máxima de numerosas empresas hoxe en día: baterías que “morren” nun par de anos, impresoras que se paralizan, lámpadas que funden por volta das mil horas… a listaxe de obxectos de consumo que esmorecen cada vez antes contrasta coa evidencia do avance tecnolóxico, desde que, no século pasado, tras a crise económica de 1929, nos Estados Unidos, saíse adiante unha lei baseada na obsolescencia programada, que logo se fixo global. Podería definirse como unha estratexia de deseño, mercadotecnia e produción baseada en crear obxectos que paran de funcionar ao cabo dun determinado tempo, que deixan de ser útiles por variadas razóns ou que se perciben como obsoletos pola produción continuada e planificada de novas versións dos mesmos.


O termo obsolescencia deriva do verbo latino obsolescere e conserva en boa medida o significado orixinario deste étimo, que aludía ao que deixa de utilizarse porque perdeu a forza ou a plenitude. Na súa  viaxe ata a lingua moderna, a palabra (o mesmo ca a forma adxectiva obsoleto) quedou circunscrita fundamentalmente aos rexistros máis coidados e elaborados, sendo propia do ámbito literario, e afastouse da lingua coloquial, onde se percibía como marcadamente culta. Mais, nos últimos tempos, experimentou unha actualización visible a través da expresión obsolescencia programada, adaptación da inglesa planned obsolescence, que se empregou por primeira vez para describir, cun enfoque crítico, a estratexia comercial promovida pola General Motors, consistente en renovar os seus automóbiles cada ano, facendo pequenos cambios no deseño e provocando deste xeito nos propietarios o desexo, e mesmo a necesidade, de cambiaren o seu vehículo polo modelo máis recente. A etiqueta acadou logo un éxito considerable, de xeito que arredor de 1950 chegou a ser moi popular, sobrepasando as fronteiras anglosaxoas para se instalar en múltiples linguas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir