Circe ou o pracer azul é a primeira novela de Begoña Caamaño. Nela somos cómplices da relación epistolar que se establece entre Circe e Penélope durante a ausencia de Ulises de Ítaca. Este partira para participar na guerra de Troia había moitos anos e nada del se sabía. A contenda e a presenza de Ulises nela foi narrada por Homero no poema épico titulado Ilíada; Ilion era o nome empregado polos gregos para referirse a Troia, a denominación da obra cómpre entendela como o ‘relato sobre Troia’. Posteriormente o mesmo autor narra a viaxe de volta á casa de Ulises, o máis célebre dos heroes daquela guerra e que os gregos recoñecían como Odiseo. Este retorno levoulle dez anos e estivo inzado de incidentes. A epopea foi titulada Odisea e nun episodio concreto dela é onde se desenvolve a narración da protagonista das Letras Galegas 2026.
O feito de que o regreso a Ítaca estea ateigado de penurias e dificultades, máis tamén a popularidade da historia fixo que o título homérico acabase por se converter nunha voz habitual no noso vocabulario. A palabra odisea é un epónimo −denominación que provén do grego epónymus ‘o que dá o seu nome a algo’− e o DRAG defínea, por unha banda, como “viaxe rica en aventuras, traballos, penalidades etc” e, pola outra, como “situación ou empresa chea de riscos ou dificultades”. O Dicionario no seu lemario recolle, ademais deste termo, outra serie de denominacións para indicarnos viaxes con características especiais. A primeira sería andanza, “viaxe ou expedición en que se percorren diferentes lugares”, mais se empregamos o nome en plural, daquela transfórmase en “empresa arriscada e de éxito ou resultado incerto”; termo que deriva do verbo andar e este quizais proceda do latín ambulāre ‘ir’, ‘vir’, ‘circular’. Outra voz que cómpre sinalar é expedición, a “viaxe ou marcha dun grupo de persoas cun fin militar, científico, deportivo etc.”, palabra culta que deriva da latina expĕdītĭo. Entre as acepcións que posúe no Dicionario atopamos a de ‘empresa ou campaña de guerra’; a Odisea de Homero non deixa de ser unha expedición con fins militares. Por último, sinalamos o vocábulo periplo, a “viaxe marítima de exploración arredor dun continente, dun mar etc.” ou a “viaxe longa por lugares descoñecidos”, acepción esta que ben se pode relacionar co retorno a Ítaca de Odiseo; etimoloxicamente lévanos ao grego períplous, aínda que a nós nos chegou a través do latín periplus. Trátase dun termo formado polo prefixo peri- co significado ‘ao redor’ e o verbo plein ‘navegar’. Na antigüidade vinculábase ao descubrimento do mundo ignoto. Os periplos, eran relatos de viaxes como as de Ulises, que foron fundamentais para a expansión do coñecemento xeográfico e cultural.
Mais na obra de Begoña Caamaño as dúas protagonistas, Circe e Penélope (secundarias no relato clásico), emprenden o seu propio periplo vital. Navegan unha na vida da outra grazas ás confidencias que se fan nas misivas enviadas, e este intercambio epistolar permítelles decidir que prefiren vivir por elas mesmas e tomar as súas propias decisións. Con esta lectura anovada das figuras femininas da mitoloxía grega amósase o valor que a autora lle outorga ao apoderamento da muller e a sororidade entre elas, que fai máis levadío o percorrido odiseico que se emprendeu para acadar unha posición de igualdade entre mulleres e homes na sociedade actual.






















