
Recreación artística de ondas gravitacionais xeradas por estrelas de neutróns © R. Hurt/Caltech-JPL (Na web: nasa.gov)
Premio Nóbel de Física 2017
Barry C. Barish, Kip S. Thorne e Rainer Weiss son os gañadores do Nobel de física 2017. Eles foron os primeiros en detectar as ondas gravitacionais, demostrando que Albert Einstein tiña razón ao predicir a súa existencia, hai máis dun século. A comunidade científica describe o seu descubrimento como a “apertura dunha nova era” para a física.
Albert Einstein uniu os conceptos de espazo e tempo de forma íntima, definindo o espazo-tempo. Así, coas tres dimensións espaciais mais o tempo, obtemos catro que definen o Universo. Para visualizalas imaxinemos unha saba tensa e que pousamos un obxecto sobre ela: veremos que se deforma. Do mesmo xeito aféctanlle ao espazo-tempo os efectos dos obxectos masivos (buratos negros, estrelas de neutróns…), producindo unha curvatura que é o que entendemos como gravidade. As perturbacións no espazo-tempo propáganse por este, igual ca as ondulacións nun estanque cando tiramos unha pedra; son un tipo de ondas moi febles, consecuencia de que a gravidade é a forza física máis débil.
Por todo o anterior é que andan os físicos pletóricos, xa que conseguiron verificar a existencia do que deron en chamar ondas gravitacionais, inda que lles levou un século: a Teoría da relatividade xeral redactada polo xenial físico alemán data de 1915. Nela avanzaba a existencia dunha serie de perturbacións que se propagarían en todas as direccións á velocidade da luz, produto da propia interacción da gravidade. Porén, dado que estes efectos son moi pequenos, só son observables, a día de hoxe, aquelas ondas gravitacionais resultantes de eventos astrofísicos de enorme magnitude, como a fusión de dous buratos negros, un dos eventos máis violentos logo do Big Bang. A importancia desta observación inédita ata agora –alén de ser unha proba máis da consistencia da teoría formulada por Einstein– é que lles outorga aos estudosos unha nova dimensión para indagaren na observación do Universo, xa que, ata o momento, a investigación fora posible principalmente no ámbito da luz.
Lingüisticamente estamos ante unha locución substantiva que ten a súa cerna no termo onda –procedente do equivalente latino unda, -ae que significaba ‘auga en movemento’, nunha acepción semellante ao fenómeno que se describe na astronomía actual–, modificado polo adxectivo gravitacional que é unha palabra derivada sobre gravitación, a cal chega á nosa lingua desde o francés gravitation, de significado semellante, e que á súa vez bebe do equivalente inglés, creado desde o latín científico gravitatio, -onis, no século XVII. Parece que o termo adquiriu certa popularidade grazas á tradución dos textos do científico inglés Isaac Newton, o antecesor do propio Einstein. Moitas linguas da contorna empregan unha locución semellante: gravitational wave (inglés), onda gravitacional (portugués), onde gravitationnelle (francés) e onde gravitazionali (italiano), por exemplo.