Non é exclusivo desta época, pero no verán é frecuente que certas empresas de servizos permitan a venda ou a reserva de máis prazas das que realmente teñen para así cubriren as posibles baixas de última hora. Overbooking é a palabra inglesa que denomina esta práctica e o primeiro uso rexistrado na lingua de orixe é de 1903 en referencia á venda de entradas de máis nos teatros. O léxico do sector turístico, polo seu ámbito internacional, adoita ter estranxeirismos e por iso, entre nós, este anglicismo prescindible convive cos equivalentes: sobrerreserva e sobrevenda, en realidade complementarios e non estritamente sinónimos.
Os hoteleiros poñen en mans dos operadores turísticos máis prazas das que teñen á espera das posibles reservas; cando estas chegan a igualar o número de cuartos do establecemento, párase a contratación anticipada para evitar que se produza unha sobrerreserva. Grazas á denominada reserva garantida que implica o pagamento por adiantado de ao redor do 12% do custo, estaremos seguros de non quedar coas maletas diante dun mostrador.
Por outra banda, a sobrevenda é o que fan as compañías aéreas cando venden máis billetes de voos ca prazas reais teñen nos avións, contando que sempre hai viaxeiros que non se presentan a ocupar os asentos reservados… O problema vén se lles dá por aparecer a todos! Esta técnica comezou a practicarse nos Estados Unidos a mediados do século XX, cando as compañías aéreas de xeito clandestino, para paliaren as perdas económicas que lles supoñían os viaxeiros no-show, os que non se presentaban á hora do embarque. Por suposto os compradores nada sabían destes billetes fantasma ata que en 1972 se impuxo que a sobrevenda lles fose obrigatoriamente informada aos pasaxeiros.