Ao que remata un proceso electoral, os medios de comunicación repiten e repiten nos seus titulares a palabra pacto, especialmente naquelas eleccións nas que o sentido do voto provocou escasas “maiorías absolutas”. Nese momento, para gobernar, as forzas políticas comezan unha serie de contactos entre delas e, en caso de chegaren a acordo, establecen pactos.
Se no plano dos feitos un pacto é o acordo formal entre dúas ou máis partes que se alcanza como resultado logo de pactar, no que ten que ver co léxico, á forma verbal chégase con posterioridade por derivación do substantivo, partindo do latino pactum, de idéntico significado.
Pacto é unha palabra que está viva desde os inicios do idioma, da que atopamos documentacións xa no século XIII. Malia esta antigüidade, conservouse como cultismo, mantendo o grupo consonántico –ct– conforme o étimo latino. Con todo, nos textos medievais a forma culta convive cunha variante máis evolucionada, pauto, con vocalización da secuencia de consoantes, que segue tendo presenza na fala na lingua moderna. As dúas variantes, pacto e pauto, distribúense segundo o rexistro, sendo o cultismo propio de actos de fala máis coidados e/ou formais, en tanto que a forma con ditongo sería a característica de contextos máis relaxados ou prenormativos.
Alén disto, co tempo acabou por engadirse unha especialización de tipo semántico, de xeito que o pauto pasou a ser, como se indica no Dicionario, o acordo ao que se chega exclusivamente co diaño, tal e como reza o título da coñecida peza teatral de Ánxel Fole, Pauto do demo, de 1958. Con ese mesmo sentido empregábano habitualmente os membros das Irmandades e do Grupo Nós –vémolo en diversos textos de Vilar Ponte, Risco ou Lesta Meis, por exemplo–, mais antes o pauto xa se asinaba co diaño, coma neste fragmento de 1813: “En menos de coarenta anos sólo nas Andalusías delatáronse voluntariamente trinta mil personas, e moitas delas de delitos que non sabían nin podían faser, como son bruxerías, pauto co demo (arrenegado sea), e outras mil mintiras que nos meteron na cabesa.”
Partindo do que estamos afeitos a ver, despois de ler esta información, non é maldade, senón perspicacia, concluír que, entre algúns partidos, ao tempo que pactos asínanse pautos.