paliativo

“Unha derrota sen paliativos”, “un fracaso sen paliativos”. Oímos frecuentemente frases similares como comentario dun encontro deportivo, dun enfrontamento político ou do resultado final dun proceso para decidir unha sede olímpica. Entendemos, nese caso, que o resultado é tan evidente que non admite nin xustificacións nin desculpas. É dicir, non hai maneira de disfrazar o ocorrido e facelo menos doloroso. E todo isto vén do palio.

O palio máis coñecido hoxe en día é o que se utiliza nas procesións relixiosas, pero na antigüidade o pallium era un manto que cubría todo o corpo. Comezou sendo propio dos gregos e dos que non eran cidadáns de Roma, xa que os cidadáns romanos usaban a toga, pero acabou popularizándose da man dos cristiáns. En calquera caso, o palio tapaba o que había por debaixo e de aí o sentido de paliar, como disimular ou como mellorar a aparencia de algo.

Como aquilo que pretendemos mellorar ou xustificar é normalmente algo considerado negativo, falamos dunha derrota, dun fracaso ou dun desastre sen paliativos, pero podémoslle dar a volta á situación e vela desde o lado de quen saíu mellor parado e dicir, aínda que non é tan habitual, que algo supuxo “unha vitoria sen paliativos”. E tamén algo realizado enerxicamente, sen medias tintas, pode considerarse que carece de paliativos. Sería o caso dunha condena ou un rexeitamento sen paliativos.

Con isto conecta tamén outro dos usos habituais de paliativo na actualidade, asociado a tratamento, medicina ou, sobre todo, coidados, que son os que se lles aplican aos enfermos afectados por doenzas que a medicina non pode resolver. Daquela, o único que se pode facer é que resulte máis soportable. Non se resolve a causa, só se palian os síntomas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir