O nome co que se popularizou entre nós e na maioría dos mercados europeos, panga, procede do xeito en que se lles chama a estes peixes na lingua vietnamita, xa que é precisamente en Vietnam, e en Tailandia, onde se atopan as maiores granxas para a súa cría. O nome científico da especie máis comercializada é Pangasius hypophthalmus, aínda que en realidade, dentro da familia pangasiidae se inclúen entre vinte e oito e trinta especies diferentes, dependendo da fonte que consultemos. Polas súas características físicas, o panga clasifícase na orde dos silúridos, que se distinguen, como se recolle no Dicionario, por teren “o corpo alongado e desprovisto de escamas, boca ancha rodeada de longas barbas e ollos pequenos”. Certamente, unha das cousas que máis chama a atención do panga son os seus bigotiños, que lembran aos característicos dos felinos. Esa é a razón de que tamén se lle chame peixe gato tailandés, a denominación alternativa que recolle o Dicionario de alimentación e restauración do TERMIGAL (p.182). No ámbito anglófono, documéntase striped catfish (literalmente ‘peixe gato con raias’) e tamén iridescent shark (‘quenlla irisada’), pois o panga presenta unha pronunciada aleta dorsal.
O panga é un peixe de auga doce, omnívoro e migratorio, que remonta os ríos para desovar durante a crecida das augas e volve seguindo a corrente cando baixan. Ten a carne branca e un tamaño considerable cando alcanza a madurez, podendo chegar a medir metro e medio e pesar corenta quilos.
O consumo de panga medrou asociado á crise, por ter un prezo moi accesible e render moito, xa que se vende en filetes limpos, sen espiña; un dos espazos onde máis se estendeu o seu consumo foi entre os comedores escolares, buscando abaratar os custos. Mais os nutricionistas aseguran que o panga non ofrece achegas importantes a nivel nutricional –case non ten omega-3–, e informes recente alertan sobre unha alta presenza de mercurio e outros tóxicos ambientais na súa carne, alén de que ser cuestionable tanto os modos de produción coma o pouco ecolóxico que resulta comer un peixe que hai que transportar 10.000 km. Estas críticas provocaron que algunhas grandes superficies suprimisen a súa distribución en varios países e moitos comedores escolares están a seguir a mesma senda.