
Imaxe promocional da páxina web da película
Como se dunha boa película se tratase, a historia dalgunhas palabras sofre xiros de guión realmente sorprendentes. Un bo exemplo disto sería parasito —a palabra—, cuxo significado percorreu un curioso periplo desde o grego antigo até o galego actual; repasámolo como homenaxe ao primeiro filme de fala non inglesa galardoado co Óscar á mellor película, a surcoreana… Parasitos!
O termo parasito designa, no día de hoxe, os organismos que viven á custa doutros de distinta especie, aos que ocasionan un prexuízo máis ou menos grave. Estamos a falar de lombrigas, tenias ou cocas, solitarias etc., toda unha serie de criaturas coas que é preferible non ter demasiada relación. Ou, no campo da botánica, as plantas que obteñen para o seu desenvolvemento as substancias nutritivas doutra planta.
A partir desta acepción, parasito tamén pasou a designar aquelas persoas que viven ociosas e á conta dos demais. Este uso sería figurado, derivado do significado anterior, e que nos leva a unha situación paradoxal: parasito deriva do latín parasitus, e este do grego parásitos, que significaba ‘comensal’, ‘persoa que come da mesa doutra’. Que quere dicir isto? Quere dicir que, cando o termo latino foi recuperado nas linguas romances, perdeu o seu significado orixinal para pasar a designar un animal ou unha planta e, a partir de aí, a través dun uso figurado recuperou o valor que tiña na súa orixe, tanto en grego como en latín.
Este uso case metafórico tamén se pode ver en sambesuga ou samesuga, unha palabra que designa o tipo de verme que se adhire á pel dos animais ou persoas para zugarlles o sangue, pero que nos serve, ao mesmo tempo, para dicir de alguén que é unha “persoa que se aproveita doutras vivindo a conta delas ou quitándolles o diñeiro pouco a pouco”.
Un outro aspecto salientable do parasito é a súa acentuación: o termo grego era esdrúxulo, e deste xeito foi recuperado no castelán, mentres a maioría das linguas románicas (francés, italiano, portugués, catalán e, como xa sabemos, tamén o galego) adoptaron a palabra na súa pronuncia grave, tal e como se dicía en latín. A acentuación, como as boas películas, pode ter finais inesperados.