paridade

Cada 8 de marzo conmemórase en todo o mundo o Día Internacional da Muller. As primeiras celebracións da data hai que ir buscalas aos comezos do século pasado, cunha orixe moi ligada aos movementos obreiros de Rusia e outras partes de Europa, así como dos Estados Unidos de América. Posteriormente caeu nun certo esquecemento do que foi recuperada en Europa polas loitas feministas dos anos sesenta do século XX ata que 1975, foi designado pola ONU como o Ano Internacional da Muller e, en decembro de 1977, o Dia Internacional da Muller foi adoptado polas Nacións Unidas, para lembrar as reivindicacións e conquistas sociais, políticas e económicas das mulleres.
Máis de corenta anos despois, as mulleres seguimos pelexando por conquistar  dereitos efectivos entre os que estaría a consecución da paridade, isto é, a distribución equitativa entre xéneros de cargos e postos –é dicir, do poder de decisión–, nas empresas, institucións, entidades e en xeral na sociedade.
A orixe deste termo témola no latín paritas, paritatis, co valor semántico de ‘igualdade’, ‘semellanza’ e ‘equidade’ ao derivar do adxectivo par, paris, que pode traducirse por “igual”, “parello” ou mesmo “xusto”. Está presente na base de múltiples derivados sempre achegando este contido, como comprobamos en parisílabo, paritario, pariforme ou parello, por citar só uns poucos.
Paridade é un cultismo que non mudou moito de forma desde o seu berce latino ata hoxe, aínda que o seu significado foi acollendo novos sentidos: ‘semellanza’ (paridade de opinións, paridade de criterios), ‘paridade monetaria’ –relación que se establece entre unha moeda e o padrón internacional vixente ou outra moeda–, e nas matemáticas, como “propiedade dos números enteiros de ser pares ou impares”. Tamén o discurso feminista dotou dun novo sentido social e político o termo paridade e os seus derivados paritario –a,  e deste xeito xurdiron novos usos para designaren obxectivos de revindicación (sociedade paritaria, democracia paritaria) así como plans de actuación e medidas concretas asociadas a estes (Lei de paridade electoral, Índice de paridade de xénero).
Na fin do XX, os primeiros pasos para acadar a paridade consistiron na aprobación de cotas de representación –chamadas tamén  cotas de xénero ou cotas de equidade– nas que se establecen medidas de discriminación positiva co obxectivo de compensar as desvantaxes que sofren as mulleres nunha estrutura dominada polo desequilibrio. Do anterior derivan os coñecidos como sistemas cremalleira, unha fórmula que intenta asegurar a paridade non só canto ao número de mulleres presentes nos órganos de goberno, senón tamén ao seu poder efectivo, coa alternancia de xéneros nas listaxes electorais de candidatos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir